Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
150 NO QUE VAI DE ANO

Aumentan as apostasías en Galiza

A cifra dos catro primeiros meses supera as solicitudes totais do 2007, malia ás trabas opostas pola administración eclesiástica.

Redacción/ EP - 09:00 19/05/2008

Máis de 150 persoas solicitaron no que vai de ano o abandono da fe católica mediante a cancelación dos seus datos nos documentos da Igrexa, cantidade que xa supera o total de peticións realizadas en 2007, cando se pasou escasamente do centenar.

Segundo datos facilitados a Europa Press polos obispados galegos, así como polo Arcebispado de Santiago, a arquidiocese compostelá é a que presenta un maior número de peticións da denominada apostasía, mediante a cal o solicitante expón a súa vontade de abandonar a Igrexa católica e, xa que logo, que se cancelen os datos que esta dispón del, rexistrados nos libros de bautismo das diferentes parroquias.

Así, mentres que no caso de Santiago recibíronse un total de 123 peticións, en Mondoñedo-Ferrol entraron 15 peticións, 13 que están en curso e dous cuxa tramitación finalizou. En Tui-Vigo tramitáronse 15 ao longo deste ano e no de Ourense fixéronse efectivas tres solicitudes correspondentes a 2007, cando se recibiron 23, mentres que en Lugo aínda non se recibiu ningunha, aínda que en 2007 houbo dúas.

No que vai de 2008, a Arquidiocese de Santiago recibiu 48 solicitudes máis que no total do pasado ano (cando se recibiron 75), un aumento que o seu chanceler, Elisardo Temperán considera que é froito dun "boom" que non é alleo a certas "motivacións políticas". Pola súa banda, o vigairo do Obispado de Mondoñedo-Ferrol, Antonio Rodríguez Basanta, considerou que o aumento das apostasías nos últimos tempos (no seu obispado comezáronse a entrar peticións a partir de 2003) tamén é "froito do ambiente de laicismo exacerbado" da sociedade actual.

Renuncia formal
En todo caso, Temperán explicou que "cando unha persoa chega a este punto é que, na práctica, xa abandonou a fe católica" polo que a petición supón a "renuncia formal" a permanecer no seo da Igrexa. Así, asegurou que a maioría de solicitudes son admitidas, xa que "estamos nunha sociedade na que quen quere estar na Igrexa está e quen non quere non o está".

A este respecto, asegurou que aínda que "quen o piden téñeno moi claro", adóitaselles citar, aínda que non está obrigados a acudir. "A Conferencia Episcopal dinos que, na medida do posible, intentemos manter entrevistas", explicou Temperán. Só unha minoría acepta a invitación e a maior parte prefire, unha vez entregada a solicitude certificada, continuar a tramitación sen manter un contacto directo.

O chanceler do arcebispado galego explicou que o proceso para apostatar é sinxelo, xa que é suficiente con entregar un escrito no que se solicite a vontade de abandonar a fe cristiá e acompañalo dunha fotocopia do DNI. Cando o escrito chega ao rexistro, envíase un acuso de recibo ao solicitante e invítaselle a "dialogar" nunha reunión. Unha vez que a persoa responde ao acuso de recibo, e independentemente de que acepte ou non a entrevista, comunícaselle á parroquia onde esta foi bautizada que cancele os datos.

Segundo aclarou, os libros de bautismo, como actas que son, "non se poden alterar por lei", polo que, no canto de destruír os datos faise unha modificación neles, a fin de actualizalos e explicitar que a persoa deixou formalmente a fe católica. En canto á axilidade coa que se realizan as tramitacións, Temperán explicou que se intenta responder o máis rápido posible" xa que no rexistro entran "multitude de solicitudes" de todo tipo e non só apostasías.

Trabas
Pola súa banda, o responsábel do colectivo Apostasia.es, Albert Villanova, asegurou que existen casos en que os obispados impoñen "trabas" aos solicitantes á hora de cancelar os datos mediante o método civil e "intentan forzar a seguir o método canónico" que require maior documentación que a solicitude e a fotocopia do DNI. Ante estas situacións, o colectivo recomenda presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos posto que todas as resolucións emitidas por este organismo deron a razón ao solicitante.

Así, o Arcebispado de Santiago ata 2007 "só atendía as solicitudes de cancelación de datos despois de que se acudiu á Axencia". Con todo, despois de que esta emita 8 resolucións contrarias, "na actualidade atenden sen pór ningunha traba", explicou. Ademais, precisou que nos obispados de Lugo, Ourense e Tui Vigo impóñense requisitos adicionais como que a fotocopia do DNI sexa autentificada ante notario ou que se achegue a partida de nacemento. Por iso, existe unha resolución da Axencia de Protección de Datos contraria a estas prácticas no caso de Lugo, outra no de Ourense e 12 no de Tui-Vigo.

Pola súa banda, o vigairo xeral da Diocese de Tui-Vigo, Jesús Gago, asegurou que este proceso documental, "necesita ser rigoroso, posto que ten as súas consecuencias" para quen o solicita e, por iso, asegurou que, cando a información achegada pola persoa non é suficiente para atopalos nos libros bautismales, pídese documentación adicional, como a partida de bautismo. "Non se nega a solicitude a ninguén, o que pasa é que se non se dan datas e non se atopa constancia desa persoa, pídeselle a partida de bautismo", recalcou. "A apostasía é unha opción persoal" polo que asegurou que a Igrexa "respecta" a quen toman esa decisión.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: