Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
ÉXITO DA MARCHA POLA LINGUA

As rúas de Compostela énchense 'Polo dereito a vivirmos en galego'

A chuvia, que cae de maneira intermitente, non impedirá ver unha Praza da Quintana ateigada de manifestantes por unha lingua normalizada.

Redacción - 12:50 18/05/2008

A manifestación deste domingo en Compostela recibiu nas últimas semana o apoio de partidos políticos, sindicatos, asociacións e numerosos concellos de todo o país, até un total de case 500 entidades. Todo apunta, polo tanto a que a participación será masiva. Para os colectivos que promoven a marcha a lingua galega atópase nun momento clave da súa historia, cun descenso continuado de falantes e crecentes obstáculos para a normalización do seu uso en moitos ámbitos da vida do país.

A iso únense as campañas encetadas nos últimos meses por algúns colectivos e partidos políticos, que amparándose nunha suposta defensa dun proxecto 'bilingüe' para Galiza e da 'liberdade lingüística', comezaron unha activa campaña contra o uso do idioma galego na educación e noutros ámbitos da vida pública.

A este respecto, o presidente da Mesa, Carlos Callón, afirmou que a lingua galega "non está nunha situación calquera" da súa historia, senón no seu "peor momento". Na súa opinión, atópase nun cruzamento de camiños e de "os galegos depende" o destino da lingua: "se queda relegado a un uso residual ou, pola contra, normalízase". Callón fixou en tres os obxectivos da manifestación, que resumiu en "facer cumprir aos políticos as leis lingüísticas, esixir as garantías para vivir en galego en cada ámbito e reivindicar que o galego é a única lingua propia de Galiza, como recolle o Estatuto de Autonomía".

A manifestación partirá da Alameda ás doce do mediodía e rematará na Praza da Quintana, onde se procederá á lectura do manifesto, a cargo de Ana López-Suevos, Ignacio Vilar, Xesús da Torre e Eduardo Álvarez. A convocatoria está apoiada por ao redor de 500 colectivo e numerosos persoeiros da cultura galega como Manuel Rivas ou Avelino Pousa Antelo, que amosaron publicamente o seu apoio á marcha e ao manifesto. Manuel Rivas considerou a necesidade de encher as rúas para combater as antipatías polo galego, "disfrazadas baixo bilingüismo e liberdade", con "lexemas de simpatía" e "espazos de creatividade", sobre todo para lograr a normalización no "ensino e nos medios de comunicación".

Tamén se pronunciou CIG, que acudirá á marcha o secretario xeral, Anxo Louzao, mostrou a súa "preocupación" pola situación actual e considerou necesario un "cambio radical" en xeral e, en particular, na educación. "Se o sistema educativo non se normaliza" tampouco o fará a sociedade e criticou a aqueles que se manifestan en contra dun mínimo do 50 por cento de materias en galego. Deste xeito, o sindicato nacionalista unirase á marcha do próximo domingo e acudirá coa súa pancarta 'Ensino en galego'.

Manifesto
O manifesto difundido pola Mesa esíxelle ás administracións compromisos para que se poida vivir 'en galego', reclama que a lingua se poida empregar en todos os ámbitos da sociedade, e alerta contra os colectivos que "apuntándose agora á defensa dun bilingüismo dunha soa cara". O texto conclúe afoutando aos galego a empregar a súa lingua.

Piruletas e toallas
A Mesa pola Normalización Lingüística repartira ao redor de dez mil piruletas de cor azul para pintar a lingua desta cor. Pero non será esta a única iniciativa orixinal que se poderá ver na manifestación. Dende sectores reintegracionistas anímase a acudir á marcha portando cartazes co nome das localidades dos manifestantes en ortografía galego-portuguesa ou ben levar o símbolo escollido para mostrar o orgullo lusista e reintegrata: a toalha. Con esta iniciativa búscase tamén realizar unha crítica contra a Mesa, que queren facer explícita convidando a levar toallas de mesa, é dicir, grandes, nas que se lea isto é uma toalha de mesa.

A marcha, na prensa portuguesa
A manifestación deste domingo está a ter repercusión na prensa de Portugal, que augura unha participación masiva.
Manifestação a favor da língua galaico-portuguesa (Expresso)
Galiza: Manifestação em Santiago de Compostela a favor da língua galaico-portuguesa (RTP)
Galiza: Manifestação a favor da língua galaico-portuguesa (Diário Digital)
Associação espanhola defende idioma "galego-português" (Lusa)
Galegos protestam domingo em defesa da língua (Sol)


Documentos

4,95/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: