Analízanse todos os aspectos das redes sociais nunha serie de conferencias organizadas por Industria e polas universidades.
Logotipo das xornadas
As novas posibilidades de interacción e de participación que ofrece a chamada Web 2.0 trátanse este mércores nunha xornada que se desenvolve na Escola de Informática de Ourense. Organizada polas tres universidades e pola Consellaría de Innovación e Industria, ofrecerá unha análise dende as perspectivas da administración pública, o software libre, as empresas, o ensino e a cultura.
A xornada conta cun blog onde se poden deixar comentarios e suxestións dos asistentes para mellorar as intervencións e debates. O programa abriuse coa participación de representantes da Administración e das universidades, e continúa coa análise do desenvolvemento de proxectos de software libre por parte da comunidade e coas experiencias de empresa 2.0, coa intervención dos responsábeis de Weblogs SL, Chuza, Loogic e Microsiervos. Xa, pola tarde, expóñense aplicacións educativas das redes sociais e os escritores Rubén Ruibal, Xerardo Méndez e Manuel Bragado amosan as súas experiencias na blogosfera.
Ipoki en California
Ademais, os responsábeis da rede social baseada en GPS Ipoki, Alberto Andrés e Diego Fernández, presentaron na Where2.0 Conference de O'Reilly, en California (EUA) o seu proxecto. A empresa coruñesa deu a coñecer, ademais, a integración do seu software en diversos servizos web, e as novas aplicacións que crearon para redes sociais como Twitter, Flickr ou Facebook.