A Web 2.0 naceu como un medio de comunicación moi amplo que moitos gobernos represivos ven como un perigo. Agora dúas das grandes webs alíanse para denunciar as prácticas censoras na rede.
Os blogues ou as plataformas de troco de vídeos ou fotografía crean amplas redes sociais que moitos estados represores non dubidan en controlar e censurar ao seu xeito.
Global Voices Online, un foro no que participan blogueiros de todo o mundo, acaba de publicar un mapa interactivo que recolle os países que practican a censura na rede, a xeito de denuncia e para facer de voceiros de moitas campañas locais que defenden o acceso libre á Web 2.0.
Un mapa-denuncia
O chamado Access Denied Map ("Mapa do Acceso denegado"), serve tamén, alén da denuncia, para pór en contacto aos internautas destes países, de xeito que, comunicándose, poidan darlle pulo á loita común contra a censura dos seus gobernos, e poidan compartir tácticas e experiencias propias.
As aplicacións máis censuradas da Web 2.0
Entre as aplicacións máis censuradas hai plataformas de blogues; redes sociais como Facebook, MySpace e Orkut; plataformas de vídeo como YouTube; e webs como a Wikipedia ou o portal de venda de libros Amazon.