Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A un mes do inicio

Adían a Semana Verde polo suposto "atraso no plan de viabilidade"

O 12-16 de novembro sería a nova data para unha cita que estaba marcada para o treito do 11 ao 15 do próximo mes de xuño.

Redacción - 09:00 14/05/2008

Nun comunicado enviado aos medios de comunicación este martes, a Fundación Semana Verde anuncia que "non se desexa poñer en marcha o próximo mes unha feira que menoscabe a súa imaxe internacional, solidamente cimentada polo traballo desenvolvido ao longo de trinta anos en pro do avance e modernización do mundo agrario".

Os organizadores do encontro deciden así renunciar ás datas marcadas para os días 11 e 15 de xuño e poñen nova cita para a semana do 12 ao 16 de novembro, para a celebración da que sería a 31ª edición da Feira Internacional Semana Verde de Galiza. Como xustificación, argumentan que o aprazamento débese "indirectamente" ao presunto "atraso na contratación do plan de viabilidade do recinto feiral". Recordan ao respecto que a decisión de elaborar ese estudo foi acordada "unanimemente" polo Patronato da Fundación na xuntanza do pasado 26 de decembro e aseguran que o plan debera estar listo hai xa un mes.

Como argumentos engadidos refírense tamén ao clima de "ralentización" económica, ao que lle atribúen a redución na contratación de espazos para a Feira. Sinalan tamén que os abrollos de lingua azul en diversas zonas de Europa farían imposíbel celebrar o "Concurso Internacional de Raza Frisona Semana Verde".

Longa crise que o bipartito se resiste a resolver
Atrás desta paradoxal situación está a lentitude do Goberno en resolver o burato económico e os déficits de xestión que a Semana Verde acumulou durante anos. O pasado mes de marzo producíase o último episodio do que lles contabamos, coa decisión do Padroado da Semana Verde de despedir ao xerente, enfrontado ao presidente da Fundación, Xosé Maril, que se perpetua no cargo malia ter finalizado a blindaxe do seu contrato.
Daquela, os propios traballadores laiábanse unha vez máis do "escándalo" e o descontrol sobre os cartos investidos no recinto. O paradoxo de que a Consellaría de Presidencia siga levando o temón do proxecto, e o conseguinte tirapuxa con Medio Rural para inserir a iniciativa no conxunto da política agrogandeira, frea ademais a solución definitiva para o recinto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: