O Secretario Xeral do PSdeG oponse á pretensión de Ferraz de instaurar un modelo provincial forte. Detrás do telón agóchase un pulso entre os dous homes fortes do socialismo galego.
A pouco máis de dous meses do Congreso do PSdeG, as augas non están tan tranquilas como pode semellar. Nunha xorda batalla de xadrez, o Secretario Xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, e o Secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, ensaian movementos nunha loita polo control orgánico da formación en Galiza.
A batalla máis importante deste enfrontamento é sen dúbida a discusión sobre o futuro modelo de partido. O PSOE, que celebra o seu Congreso poucas semanas antes que o PSdeG, quere aprobar un relatorio que reforza as “estruturas provinciais naqueles territorios onde non existen na actualidade”. O equipo de Blanco considera que este é o mellor xeito de ter engraxada a maquinaria en cada cita electoral xa que, ao fin e ao cabo, as circunscricións provinciais son os únicos campos de xogo posíbeis nos comicios estatais e autonómicos.
A proposta non lle agrada o máis mínimo a Touriño que asegurou nunha reunión da executiva galega celebrada a pasada fin de semana que non ve razóns para o cambio que se impulsa dende Madrid. Touriño planta cara deste xeito a Xosé Blanco e por extensión ao home de confianza do de Palas de Rei no PSdeG, o Secretario de Organización e conselleiro Ricardo Varela, que nos últimos meses se encargou de defender internamente o modelo provincial.
Unhas comarcas baixo mínimos
Na actualidade o modelo do PSdeG conxuga unha estrutura comarcal que se conxuga con outra figura que é a dos secretarios provinciais. Mais a opinión é unánime na formación socialista: as comarcas funcionan baixo mínimos porque nunca ninguén se preocupou de que fosen entes con competencias reais. Un exemplo ben nítido é que cando hai problemas internos nunha agrupación local quen intervén é o secretario provincial (que pertence por dereito á Executiva)
Diferentes cadros socialistas consultados por Vieiros sinalan que Touriño xoga a baza “autonomista” fronte a Ferraz porque sabe que unha estrutura provincial férrea pode restarlle marxe de manobra interna e agrandar a sombra de Blanco. Para contrarrestar isto, o presidente da Xunta intenta colocar nos máximos órganos de dirección a persoas da súa máxima confianza, como é o caso da conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride. Algo que non lle gusta nada a un importante sector que pensa que Touriño só lle presta atención ao núcleo que o rodea no Goberno, moitos deles con escasa traxectoria como militantes, e deixa nun papel secundario os cargos partidarios con “pedigree”.
O corpo a corpo antes da “pax” congresual
Sexa como for, as dúas principais correntes medirán as súas forzas antes do Congreso, que se celebrará a finais de xullo. Partidarios de ambos bandos sinalan que a cita congresual ten que servir para escenificar diante dos cidadáns que o PSdeG é unha formación “sólida e de goberno” para afrontar os vindeiros comicios coas máximas garantías. “Agora estamos no momento de repartir cadeiras e aquí todo o mundo se move até que encontra o sitio. Despois todo o mundo queda quieto”, subliña con retranca un veterano dirixente socialista.