A dirección do Sindicato Labrego rexeita as acusacións e di que as queixas son promovidas por sectores que queren "unha dirección dócil" fronte ao Goberno.
A executiva nacional do Sindicato Labrego Galego cualifica de "falsas" as acusacións realizadas este luns por un grupo de sete militantes da formación sindical.
Nun comunicado, a executiva do SLG expón que "non hai ningún motivo para convocar unha xuntanza extraordinaria da Dirección Nacional". En relación á presunta parálise nos temas do leite e do viño que argumentaban os críticos, sosteñen que as decisións están sendo tomadas con normalidade nas direccións sectoriais e nas asembleas comarcais correspondentes.
De paso, atribúen as críticas á posición enfrontada coa consellaría do Medio Rural mantida polo SLG en diversos ámbitos. Refírense por exemplo á postura contraria do sindicato "fronte á privatización dos servizos de aconsellamento ás explotacións" ou ao proceso de negociación sobre os prezos do leite.
"Este grupo de persoas unicamente responde ás consignas recibidas dende a consellaría do Medio Rural", opinan, ao tempo que aseguran que a comparecencia dos críticos este luns ten que ver "cunha estratexia que se define conxuntamente co Xefe de Gabinete da Consellaría e co Delegado Provincial da Consellaría en Lugo". "É a continuación da estratexia iniciada xa no proceso congresual do SLG por parte da Consellaría, co obxectivo de ter unha dirección dócil e que escriba ao seu ditado", din.