O Banco Mundial advirte de que non se recuperarán os niveis de 2004, polo que é preciso que se modifiquen as políticas de produción alimentarias dos países.
O presidente do Banco Mundial, Robert Zoellick asegurou en México que a crise alimentaria mundial continuará canda menos sete anos máis, até 2015, debido ao elevado prezo dos graos e descartou que se poidan recuperarar os niveis de 2004. Ante esta situación, o máximo responsábel do BM considerou como unha necesidade urxente que os países modifiquen as súas políticas de produción alimentaria para garantizaren así o subministro de alimentos básicos ás poboacións.
Polo de agora, Zoellick agarda que "haxa unha resposta por parte da oferta para que pouco a pouco se vaian reducindo os prezos entre 2009 e 2010". O representante do BM propuxo tamén a utilización de biocombustíbeis procedentes da celulosa para evitar así a utilización de produtos agrícolas como o millo estadounidense ou o azucre do Brasil.
Para tratar de evitar maiores consecuencias, o BM convocou a todos os países socios para estabelecer un fondo de emerxencia de 750 millóns de dólares co que apoiar ás nacións que teñan problemas de abastecemento alimenticio, aos que poderán acceder todos aqueles países que conten con redes de protección ás poboacións marxinadas. Dende o organismo internacional tamén confían en que os países non estabelezan medidas que afecten á produción agrícola, como son os controis de prezos.
Os biocarburantes
O BM cuestionou o uso en países como os Estados Unidos de biocarburantes como o etanol, producido a base de millo, co que se podería estar contribuíndo ao encarecemento dos alimentos e polo tanto ao agravamento da crise alimentaria. Actualmente no país americano aproximadamente un cuarto das colleitas de millo están sendo convertidas en biocombustíbeis, co fin de reducir a dependencia con respecto ao petróleo. Porén, o presidente estadounidense, George W. Bush restou importancia ao tema, ao asegurar que o uso do etanol supón unha porcentaxe moi baixa nas causas de inflación alimentaria.