Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ATÉ O 31 DE MAIO, MOSTRA DE PINTURA DE ANXO BARANGA, "MUDAR O RUMBO"

Mudar o Rumbo. Ceavogas para o novo milenio

Anxo Baranga enche os muros da galería Sargadelos con novas accións creadoras, vieiros de militancia e comunicación: Mudar O Rumbo (MOR). Navegar a mesma pregunta?

Lito Caramés - 21:15 07/05/2008

A Galería Sargadelos de Barcelona, enclave emblemático das manifestacións culturais de galegas e galegos, catalás e cataláns, vén de abrir as portas a unha nova mostra pictórica. Neste caso as obras levan o suxestivo título de Mudar O Rumbo (MOR), colleita do artista corgomés e barcelonés Anxo Baranga.

MOR pictórico como terapia

Baranga presenta a súa obra con técnica mixta, con técnica cinematográfica que tanto lle gusta. MOR (propostas estéticas aqueladas na encrucillada dos mass-media) ten dous movementos de cámara primordiais. Movementos espirais, sucesivos; coma os que xera o can de palleiro cando quere deitar.

Anxo, director, usa grúas e trebellos ópticos para engaiolar co plano xeral, e co plano secuencia. O gran formato, a panorámica na que as forzas naturais impoñen os seus sons. O mar, a luz, o vento, elaboran a banda sonora minimalista (como se un Michel Nyman andase por entre as vivas cores), remedando corcheas, gurrando coas présas de cronos. A peza grande é a porta á eternidade (que ben o sabía Rothko!). Acaso é o sol o que deseña as superficies do mar remexido, das ondas levadas? Por que os vieiros han rematar sempre nesas teas claras que domean á vista do seu señor, o vento?

Logo despois, o zoom captura e achega leiras miúdas, pezas cativas, retallos de lembranza. Planos medios, até primeiros planos coa linguaxe dos collages. Enfocar e reducir dimensións. Xorden, entón, os outros protagonistas, os humanos coa tocata cacofónica dos seus quereres e falcatruadas. A creación artística sempre é confrontación coa natureza, seo de onde emana (formalmente e materialmente) e que rexeita.

As obras que colgan na Galería Sargadelos son elaboracións rotundas. A pintura pola pintura. A pintura como terapia. Loitar coas cores e outros materiais na superficie plana (universo único, persoal) é facer o conxuro contra o presente. Contra realidades que a sensibilidade non atura. Na terapia, o artista abre xanelas (pezas pequenas, espellos do conflito, díxitos computadores da violencia: MOR-300, MOR-202, MOR 001,...). E mentres salmodia (curuxas, meigas, trasgos...), acode ao mar primixenio co formato grande: o caos matérico -técnica mixta- na ordenación lóxica do Orbe que consinte as teimas, as certezas que inventamos para non caer deste mundo que non para.

O conxuro, xa que logo, convoca, xurra, mobiliza as dualidades. Todas. As pezas concretas (que non van máis aló da plana dun xornal) retratan sucedidos que estremecen conciencias. Esa conciencia social pode rematar na convulsión: Mudar O Rumbo. O exorcismo refuxia nos océanos, amplos e afastados, que convocan a inxenuidade, a meMORia selectiva e optimista.

O resultado -a creación espida, aberta ao público- é síntese de futuro, loita de contrarios. O Tao (ideograma), o camiño reconvertido en MOR (MOR non deixa de ser ideograma, con moitos significados. Poño por caso: manifestacións de MORte e mais de aMOR).

MOR dentro do Plasticismo implicado

A por de ser ousado e de caer no erro, pódese dicir que as últimas creacións do Anxo Baranga (esas dualidades que non son síntomas de ningunha esquizofrenia, senón pura autodefensa) móvense polos eidos dun elocuente plasticismo implicado.

O plasticismo está nas grandes superficies polícromas. A pintura desde a pintura. A pintura como escrita; ideogramas da linguaxe manual que axuda a ler o cotián (GPS de presentes radiografados). Moreas de materia: a meMORia retida en planas que os abalos e os devalos arquivan en cores. Seguindo as ondas, o pincel Manumite Outros Rumbos na mariña fermosa e azul.

A implicación vai dacabalo da escolma feita polo pintor. Os ecos que resoan, as novas que impactan nos miolos do Anxo e conforman súas porfías. Baranga volve navegar o presente. Navega o mar, metáfora do vivir. Navega o océano global da sociedade da información, no que arte e comunicación retro-alimentan súas liortas. Navega coa axilidade da gaivota que pousa na proa do caiuco, transitante/internauta entre dous continentes. Sobrevoa a actualidade (preñe e rebentada de aconteceres). E sabe amarar nos ollos de calquera penélope, e ten o vagar de coñecelos, e ten a ousadía de presentarnos as súas historias; esas que os mass-media nos rouban.

Navegar a mesma pregunta. Se o artista está a facer sempre a mesma obra, o Anxo Baranga está sempre a esculcar os laios de dedos que choran no deserto da man.

A Realidade. Non se apropia dela, non a devolve como búmerang denunciador. Non foxe dela. Mira o que mira. Escolma ollares francos: miserias globalizadas. A mensaxe está no xogo de imaxes: no cómplice agochar, no sincero ofrecer.

O que se pode ver (e mercar) na Galería Sargadelos non é froito dunha arroutada do Anxo. De feito, non custa moito identificar vieiros que leva percorridos desde os anos 80. Xa na mostra Que maquina la máquina? (1991) viña abrindo camiños que aínda agora leva, que afondou Na procura dun país 2004, e como non, No País da Auga (1996), ou nas obras coas que se chantou fronte ao mar.

Vagar diante das creacións de Mudar O Rumbo (MOR) é coma estar diante dun cadro de Hopper. En moitos deles (grandes) diríase que o artista entretense copiando a vida americana de hai 60 anos; coma quen tira unha foto. Pero, as cores uniformes e frías, os baleiros, o silencio, todo obriga a pensar na soidade, en seres presos de si mesmos dentro dunha paisaxe fermosa.

Sentir a forza de MOR supon experimentar as chicotadas da vida que (poño por caso) levou a protagonista de “Lonxe do Ceo” (Far From Heaven, 2002). Cathy Whitaker (Julianne Moore) é a muller perfecta na familia perfecta, dentro do plano xeral da vila onde transcorre a súa vida perfecta. Cando o director (Todd Haynes) presenta primeiros planos dos personaxes, Cathy é derrotada pola mesma cotidianeidade que días antes facía dela unha triunfadora.

Baranga volve navegar. E volve espir o seu ollar, nesta ocasión diante dos visitantes da Galería Sargadelos de Barcelona. Espido, contra as présas de cronos.

Tempo impostor
O presente ri de nós
Ronsel mentirán


EXPOSICIÓN DE PINTURA: Anxo Baranga. Mudar O Rumbo.

Galería Sargadelos, Provença, 276, Barcelona

Entrada de balde.

Até o 31 de maio de 2008.

Horarios: de luns a venres, de 10:30 a 13:45 h e de 16:30 a 20:30 h., sábados de 10:30 a 14 h e de 17 a 20:30.


3/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"meMORria", Anxo Baranga, técnica mixta sobre táboa
"meMORria", Anxo Baranga, técnica mixta sobre táboa
"MOR001", Anxo Baranga, técnica mixta sobre papel
"MOR001", Anxo Baranga, técnica mixta sobre papel
"MOR005", Anxo Baranga, técnica mixta sobre papel
"MOR005", Anxo Baranga, técnica mixta sobre papel
"MOR101", Anxo Baranga, técnica mixta sobre papel
"MOR101", Anxo Baranga, técnica mixta sobre papel