A Plataforma "Salva o Tren" denuncia que Fomento use a escusa da alta velocidade para suprimir os servizos ferroviarios de proximidade.
"Desde hai cincuenta anos non se fixo nada serio polo tren en Galiza", critica Fernando Gómez, coordinador da Plataforma "Salvar o Tren", organización convocante da concentración este mércores en Santiago.
O despregue da alta velocidade no eixo atlántico, "mal chamado AVE", segundo subliñan desde o colectivo, está indo paralelo á supresión das estacións onde o tren paraba ao longo deste traxecto. Padrón, Catoira ou Portas son algunhas das paradas eliminadas e non serán as últimas.
Os prezos da viaxe podería até "cuadruplicarse"
A Plataforma Salvar o Tren láiase de que coa escusa do TAV se estea suprimindo "o tren do pobo". Citan ao respecto a previsión de que un cidadán para moverse na liña atlántica deberá afrontar taxas que se moverán entre dúas e até case catro veces máis que as da actual "liña rexional".
"O AVE é o competidor directo do avión, e en ningún momento vai dar servizo diario aos usuarios que nos movemos habitualmente en distancias cortas", sinala Fernando Gómez. O voceiro do colectivo advirte de que Fomento está eliminando "apeadeiro tras apeadeiro", mentres a Xunta se mantén "indiferente" fronte a esa estratexia. Gómez compara o desmantelamento dos servizos ferroviarios de proximidade en Galiza co que acontece noutras zonas do Estado, "onde se está apostando por dobre vía electrificada e pola promoción destas liñas".
A Plataforma defende que o tren é un medio "de futuro" máis respectuoso co ambiente, e que a estratexia de Fomento en Galiza vai rematar "metendo moita xente á estrada", fomentando o colapso e a sinistralidade.