"Houbo un tempo no que non paraba de pensar nel", conta o actual seleccionador serbio, ao tempo que lembra que lle encantaría adestrar no Estado Español, se cadra, ao Dépor.
Quen foi xogador do Deportivo e do Valencia di que vai tentar estar en Alcoi esta sexta feira, onde os dous equipos, cos seus veteranos, xogan o partido que pode decidir a Liga estatal de Fútbol Indoor. Mais tamén fala daquel 14 de maio de 1994 no que, ante González, o, naquela altura, porteiro do Valencia fallaba o penalti que lle había dar a súa primeira liga ao Deportivo. Unha entrevista que nos remiten os responsábeis da Liga de Fútbol Indoor.
Miroslav Djukic, (Savac, Serbia, 19 de febreiro de 1966) xa esqueceu por completo aquela fatídica tardiña de maio do 94. Aquel día, "o máis triste da miña carreira deportiva" (e dio un home que perdeu dúas finais da Liga de Campións), a Djuka déronlle a "oportunidade" (ante a fuxida de Bebeto, o especialista) de lanzar un penalti que marcaría a súa vida. Fallouno, ou máis ben detívoo González, o gardameta do Valencia.
Aquel día, a primeira versión do Superdépor, o construído polo visionario Augusto Xaquín César Lendoiro e dirixido, dende o banco, por Arsenio Iglesias, o que namorou a todo o Estado, ficou sen unha Liga que, excepto os culés, todos crían merecía. Anos despois, a segunda versión do Superdépor conseguiu esa liga da man dun grupo de excelentes xogadores e de Jabo Irureta.
Djukic, actual seleccionador absoluto de Serbia, recoñece que "a xogada, a imaxe, o momento, perseguiume durante moito tempo, era como unha obsesión insá. Un día decidín que non podía seguir pensando naquel maldito intre, non quería tolear".
Agora, catorce anos despois, agarda poder ver de novo o mítico encontro, aínda que sen se decantar por ningún dos dous equipos: "O máis lóxico sería que estivese co Valencia, que é a cidade onde vivo, pero escoller entre os dous é como dicirlle a un neno que se quere máis a papá o a mamá", explica o serbio.
A famosa "prima" do Barça ao Valencia
Djukic tamén conta que á súa chegada ao Valencia, procedente do Deportivo, "nunca se falou da prima do Barcelona nin tampouco eu quixen indagar nin preguntar nada. O que pasou, pasou", describe Djukic.
Xogar na Liga de Veteranos
"Coñezo a Liga de Fútbol Indoor e encantaríame xogala, mais os meus compromisos coa Federación Serbia non me habían permitir estar ao cento por cento coa competición, e eu, se me comprometo en algo é con todas as consecuencias".
Adestrar algún día... ao Dépor?
A entrevista terminou cun desexo por parte do serbio: "teño unhas ganas tolas de ser adestrador na Liga española, a mellor do mundo digan o que digan. Adestrar ao Depor ou ao Valencia sería marabilloso, pero son home de obxectivos a curto prazo e, hoxe en día, é moi difícil. Ademais, se estou no Estado Español permanentemente podería xogar na Liga de Fútbol Indoor, ou non?", concluíu.