O obxectivo é agrupar nunha soa forza os alumnos de ensino secundario e do universitario.
As siglas de Comités Abertos de Estudantes (CAE) e dos Comités Abertos de Escola e Faculdade (CAF) están a piques de pasar á historia. As dúas organizacións estudantís celebrarán o vindeiro sábado na Coruña unha asemblea de refundación que sirva para unificalas baixo unha mesma estrutura. Os CAF poñen fin así a 25 anos de andaina (os CAE fundáronse tres anos despois, en 1986). A organización estudantil nacionalista, que herdou o legado de ERGA, converteuse en forza hexemónica en moitos centros universitarios.
O responsábel nacional dos CAF, Gael González, subliña que a refundación se produce logo dun debate interno que finalizará este sábado. Unha das razóns que esgrime para esta fusión é o pragmatismo organizativo, “queremos manter a continuidade entre a xente que está nos instititutos e a que pasa logo á universidade”. Unha das cuestións a decidir é o nome que tomará a nova organización.
Na súa páxina web dos Comités Abertos están os textos que se discutirán este sábado no Centro Cívico do Barrio dos Mallos (A Coruña).