A edición 2008 desta iniciativa a prol do idioma galego tivo o seu primeiro acto e nos vindeiros días pasará por Ferrol, Ribeira, Foz, Vilalba e Lugo.
O Correlingua pasará dende este martes e até o venres 16 por trece vilas de todo o país, e espérase que nel participen ao redor de corenta mil rapaces. Esta mañá milleiros de rapaces da comarca da Coruña, da Costa da Morte e máis do Bierzo pasaron pola Torre de Hércules e máis polos Xardíns de Méndez Núñez, onde remataron as actividades coa actuación de Chévere.
O Correlingua naceu no ano 2000, e en cada edición vai engadindo actividades. Este ano entregáronse os premios dos concursos de Manifesto do Correlingua 2008 e de Banda Deseñada, mais tamén se incorporou o A Polo Ghit, en colaboración con Radio Galega e Vieiros. De entre os 51 grupos que presentaron cancións a este concurso, os alumnos votaron como gañadora a canción Noitebus, do grupo boirense Sinefres, que actuará en 8 das festas finais do Correlinguas, nas que tamén participarán o Xabarín Club, ou diferentes grupos teatrais.
Calendario do Correlingua 2008
A Coruña: 6 de maio (A Coruña)
Barbanza: 7 de maio (Ribeira)
Ferrolterra: 7 de maio (Ferrol)
A Mariña: 8 de maio (Foz)
Salnés: 8 de maio (Vilagarcía)
Lugo: 9 de maio (Lugo)
Compostela: 12 de maio (Compostela)
Pontevedra: 13 de maio (Pontevedra)
Vigo: 14 de maio (Vigo)