Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Municipais no Reino Unido

Os laboristas confían en que a participación lles permita salvar a alcaldía de Londres

Os conservadores británicos esperan que unha vitoria para Boris Johnson na capital sexa o inicio dunha tendencia que leve a David Cameron ao goberno fronte a un Gordon Brown en horas baixas.

Redacción - 09:00 02/05/2008

Cun censo de máis de sete millóns de habitantes, orzamento anual de 14 mil millóns de euros e ás portas de celebrar as Olimpíadas de 2012, Londres é o centro de atención dos comicios municipais celebrados este xoves en Inglaterra e Gales. Durante a tarde deste venres vaise coñecer en favor de quen cae a vitoria.

Á cita chegaban en empate técnico quen é alcalde desde o ano 2000, o laborista Ken Livingstone, e o torie Boris Johnson. Durante a xornada do xoves, e segundo recolle a prensa británica, o cuartel laborista asistía pesimista ao que prognosticaban que podía ser unha derrota nesta elección. Con todo, transcorrida a xornada e logo da alta participación nalgunhas áreas clave da cidade, os de Livingstone consideraban que un aumento da participación podería finalmente axudarlles a manter o poder na capital.

A loita de Londres ten ademais un valor simbólico, xa que amosaría unha tendencia crecente nas urnas dos tories fronte aos laboristas. O actual líder dos conservadores, David Cameron, agarda aproveitar a inercia deste triunfo na súa aspiración a substituír en Downing Street ao actual primeiro ministro Gordon Brown, cunha popularidade que cae significativamente nas sondaxes.

Alén da capital, outros 159 concellos celebran eleccións, e escolleranse en total 4 milleiros de edís. Algunha enquisa agoiraba para os tories unha vitoria en conxunto de até dezasete puntos por riba dos laboristas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: