Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Despois do ascenso chegan as fichaxes

O Orzán certifica, no seu primeiro ano de vida, a calidade do fútbol feminino galego

Acaban de ascender a Primeira Nacional, unha caste de Segunda División estatal onde se han enfrontar aos mellores equipos de Asturias, Castela e León e Cantabria.

Redacción - 11:10 29/04/2008
Pili Neira abraza a Silvinha

Pili Neira abraza a Silvinha

"Raíñas de Galiza!", así titula o Orzán SD o artigo que lle dedican ao ascenso das mozas na súa web.

E é que, despois de gañar na zona norte, proclamáronse campioas da Liga Galega ante o Bértola o pasado domingo en Compostela (3-1), o que lles deu o pase final á chamada Liga Nacional, unha caste de Segunda División que queda a un pasiño da mellor liga feminina de fútbol do Estado, a Superliga.

Segundo contan na web, chegaron a esta proeza grazas á calidade do equipo que adestra a seleccionadora nacional, Pili Neira, e á aposta do clube coruñés polo fútbol feminino. No mesmo ano da súa creación as mozas do Orzán conseguiron o principal obxectivo: liga e ascenso.

O partido

O partido é descrito como "vibrante", porque comezou cunha desvantaxe para as coruñesas, que chegaban ao descanso perdendo por 0-1. Pero a calidade das xogadoras do Orzán puido con todo, e conseguiron darlle a volta ao marcador con tres tantos seguidos de Sheila, Míriam e Alba, que asinaron un triunfo histórico que convirte ao Orzán en equipo estatal.
A tempada que vén han debutar no grupo II, con rivais de Asturias, Cantabria e Castela e León.

E agora?
O ascenso trae sempre alegría, mais tamén máis gastos para a vindeira tempada. Como han ter que xogar lonxe, fóra de Galiza, han ter que gastar máis. Se os plans non se torcen, o Orzán ha aumentar o seu orzamento para a tempada que vén dos 10 mil euros até os 30 mil, ao tempo que crea novas categorías nas que han xogar futbolistas máis noviñas. De feito, teñen pensado, segundo publica esta terza feira o xornal La Opinión, formar outros dous cadros femininos máis para a campaña 2008-2009: un cadete e outro señor na Liga Galega (unha caste de equipo B que ha quedar no sitio do que acaba de ascender). Isto permitiríalles, por exemplo, crear cadros máis equilibrados porque hoxe en día, por exemplo, contan con xogadoras de 13 anos (Sheila, quen marcou un gol o domingo fronte ao Bértola) e con xogadoras de 33.

As mozas da cidade da Coruña xa teñen, entre o Orzán e o Galicia Gaiteira, máis sitio onde xogar ao fútbol.

O ano que vén o Orzán SD celebra sesenta anos, de seguro que con novas fichaxes no equipo feminino, onde xa están ollando posíbeis xogadoras (do Friol ou do Aguiño, que descenderon á Liga Galega, ou algunha da Superliga).


4/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: