Venceron na última xornada ante o Cidade de Santiago por 5-1. Míriam, cun gol no último minuto, chegou aos 60, proclamándose pichichi da liga galega no norte.
As xogadoras do Orzán gañaron a Liga Galega Feminina con facilidade, xogando ben dende a primeira xornada. Aínda que as xogadoras compostelás saíron ao terreo de xogo con ganas de darlles que facer ás coruñesas, o 4-0 aos trece minutos da primeira parte xa facían sorrir ás de Pili Neira.
Na segunda metade chegou o gol das compostelás, se cadra pola confianza collida polo Orzán, mais, aínda así, a pesares do tanto de Jimena, de seguida comezaron os berros de "Campioas, campioas!" dende as bancadas e no campo. Agora só queda loitar polo ascenso a primeira estatal, cousa máis complicada, porque os equipos do sur son bastante bos.
Aínda así, as do Orzán agardan chegar á loita final acompañadas das outras coruñesas, as xogadoras do Galicia Gaiteira, que, goleando ao Portosín, terminaban segundas na táboa.
A fase de ascenso
A vindeira fin de semana comeza a loita por ascender a primeira estatal. O Orzán ten que xogar contra o Guardesa, nunha eliminatoria de ida e volta. No caso de pasar esta primeira fase, as coruñesas enfrontaríanse ás gañadoras dos partidos disputados entre o Galicia Gaiteira e o Bértola. O campión da final, a un único partido, poderá xogar na vindeira tempada na liga estatal. Despois aínda queda outro chanzo para chegar a Primeira, á Superliga do fútbol feminino.