Os do “Caxigo” (ver páxina once deste número) preguntan en alto por que o señor Lence os escolleu a eles para penalizar ao sector lácteo. A prensa magnificou a crise con datos parciais, portadas e circunstancias de escándalo. A queima dun carro tradicional galego no fragor da batalla por labregos leoneses e asturianos traídos polo sindicato Unións Agrarias, é todo un símbolo.
Certamente nos tres últimos meses os prezos pagados aos productores baixaron. Pero se ampliamos o foco, a impresión é ben diferente: no 2007 o prezo medio foi histórico (0,3653 Euros por litro) co mellor marxe neto desde finais dos oitenta.
Tamén cómpre botar unha ollada ás fraquezas históricas do sector en Galicia. España é deficitaria en 3 millóns de toneladas (só ten pouco máis de seis millóns de toneladas de cota) e Galicia ten o 38% desa cota. Pero só Galicia está medrando cada ano e de feito temos 90.000 toneladas de sobreproducción.
Hai datos máis indignantes que unha variación estacional do prezo. Un é que na Unión Europea –onde é o ministerio quen negocia- segue a repartirse o incremento de cota de maneira lineal e non de acordo co déficit de cada nacionalidade ou estado. O segundo é que dentro do propio estado español repártese en territorios onde non hai aumento de producción. Como diciamos en Irimia hai ben anos: seguimos condenados a permanecer ananos.
Esta crise pode ser unha boa oportunidade para sentar a productores e transformadores galegos e falar en serio do futuro, incluídos os contratos homologados, como no sector do viño, estables e con marxes negociados de variación. Queiran ou non son aliados estratéxicos. Porque na mesa hai un terceiro pé, que pode, chegado o caso, desestabilizar todo o mercado: é o sector distribuidor, que no medio da crise acaba de importar 18.000.000 litros de leite, maiormente francés, producido e transformado naquel país, e que resulta máis barato.
Restablecer o diálogo e a confianza é agora vital e torpedear este proceso só pode responder a intereses miopes de pescadores en augas revoltas.