Asegura que a Consellaría de Sanidade está traballando para evitar que se sigan a adiar durante meses as citas con especialistas públicos.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, admitiu a existencia de “disfuncións puntuais” en hospitais do Sergas. O máximo mandatario galego tivo que saír a defender a xestión da Consellaría de Sanidade logo de que trascendese que hai hospitais públicos colapsados que están a traballar con axendas pechadas á hora de proporcionarlle cita aos usuarios, o que provoca graves retrasos na asistencia.
Diante das preguntas constantes dos xornalistas, Touriño dixo que non quería ser “triunfalista” pero mostrouse convencido de que Sanidade está a facer todos os esforzos para paliar a situación.
Axudas para a rehabilitación de vivendas
O presidente da Xunta fixo estas declaracións ao remate dun Consello da Xunta no que tamén se aprobaron as subvencións para a rehabilitación de vivendas no rural e en conxuntos históricos. Coa modificación do decreto proposta pola Consellaría de Vivenda, a contía máxima das axudas pasa, en cada caso, de 8 a 24 mil euros. Outra das novidades é que os solicitantes poderán cobrar até o 50% da obra no momento de presentar as facturas, os certificados de obra e a documentación fotográfica.