Até o 12 de maio unha vintena de editoriais do noso país participarán nun dos encontros máis importantes do sector en todo o mundo.
Bos Aires forma, xunto con Guadalaxara e A Habana o triángulo das feiras do libro en Iberoamérica. 47 países e 1582 expositores indican a dimensión e importancia deste encontro, cunha facturación por vendas só superada pola cita mexicana.
Galiza contará por segundo ano consecutivo cun espazo propio, fornecido pola Consellaría de Cultura, no que 18 editoriais do país ofrecerán as súas obras e buscarán estabelecer contactos con distribuidoras e editoras de todo o continente americano. No stand galego exporán a súa produción Everest Galicia, Xerais, Rodeira-Edebé, Edicións Positivas, Edicións Tambre-Luís Vives, Sotelo Blanco, Biblos, Galaxia, Ideaspropias, Ir Indo, A Nosa Terra, Edicións do Cumio, Espiral Maior, Nova Galicia, Toxosoutos, Linteo, Kalandraka, Faktoría K e Laiovento.
Tras a inauguración do encontro, este xoves 24, terá lugar unha mesa redonda sobre narrativa xuvenil actual en Galiza coa participación dos escritores Ramón Caride e Francisco Fernández Naval. Tamén se desenvolverán obradoiros da man da ilustradora Marisa Irimia que terán lugar no propio stand; e, ademais, Estíbaliz Espinosa ofrecerá un recital poético o domingo 27 de abril.
A presenza de Galiza por segundo ano consecutivo en Bos Aires, xunto coa histórica participación como país convidado na Habana, permítenlle á cultura galega gañar espazo no mercado internacional e principalmente no latinoamericano. Para continuar con esta política de proxeción internacional, Luís Bará ten previsto reunirse coa directora da Feira de Bos Aires, Marta Díaz, coa que acordar posibles convenios de colaboración a prol da promoción da literatura galega.
Actividades paralelas
En paralelo á Feira, desenvolveranse unha serie de actividades literarias e musicais en distintas entidades galegas da capital arxentina. Por exemplo, Malvela ofrecerá varios concertos en centros galegos, presentando o seu último traballo, Da miña xanela á túa. En canto ás presentacións de obras darase a coñecer na Feira Polifonías II, libro que se achega á temática da violencia patriarcal na voz de sete poetas galegos; participarán no acto cunha lectura colectiva Herbas de prata, un grupo de mulleres de Bos Aires. Tamén se amosará unha tradución d'A esmorga, editada por vez primeira na capital arxentina, e realizada polos escritores de ascendencia galega María Rosa Lojo e Rodolfo Alonso.
Presentación de Letras de Galicia.com
O vindeiro martes 29 de abril Luis Bará presentará dentro da programación da Feira a web LetrasdeGalicia.com, unha plataforma que xorde para apoiar a promoción do libro galego no exterior. Este portal crea unha forma de comunicación directa entre a industria galega do libro e o mundo da edición en fala hispana, favorecendo a edición castelá de obras escritas en Galicia e aumentando a súa presenza no mercado literario en español.