Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Do 6 ao 16 de maio

Comeza o Correlingua: En galego cabe todo!

Preto de 40 mil rapaces de 13 comarcas percorrerán a nosa xeografía a través desta actividade que fomenta o uso da lingua galega.

Redacción - 20:05 21/04/2008
Cartaz do Correlingua

Cartaz do Correlingua

Baixo o nome de Correlinguas, arredor de 40 mil rapaces e rapazas de toda Galiza participan até o vindeiro 16 de maio nunhas carreiras a prol do idioma que pasarán por 13 comarcas. Esta proposta de carácter lúdico-educativo nace no ano 2000 coa intención de convidar a mocidade e os centros de ensino a reivindicar o dereito a medrar en galego, e a usalo idioma para garantir o seu futuro.

A través do lema "En galego cabe todo", como referencia á capacidade das memorias dos mp3 e I-pods, trasládase á vida diaria a necesidade de que o idioma forme parte de todo o que nos rodea. O programa dos Correlinguas comeza o día 6 na Coruña, para continuar por outras once comarcas e rematar o 16 do mesmo mes en Ourense.

Este ano entregáronse os premios dos concursos de Manifesto do Correlingua 2008 e de Banda Deseñada, que recaeron respectivamente no grupo de 3º ESO do CPI Vicente Otero Valcárcel, de Carral, e no grupo de 5º de Primaria do CP Pepe de Xan Baña, de Santa Comba. Ante a calidade dos proxectos, o xurado decidiu outorgar dúas mencións especiais na categoría do manifesto, que foron para o IES Xermán Ancochea da Pobra de Trives e o IES Río Miño de Rábade, e outras dúas máis en Banda Deseñada, para o grupo de infantil 4 anos do CPI Afonso VII de Caldas de Reis, e o grupo de 5º de Primaria do CEIP A Cristina de Carballo.

A Polo Ghit do Correlingua

Unha das novidades desta oitava edición é a incorporación do A Polo Ghit do Correlingua, en colaboración con Radio Galega e Vieiros. De entre os 51 grupos que presentaron cancións a este concurso, os alumnos votaron como gañadora a canción Noitebus, do grupo boirense Sinefres, que actuará en 8 das festas finais do Correlinguas, nas que tamén participarán o Xabarín Club, ou diferentes grupos teatrais.

Calendario Correlingua

A Coruña: 6 de maio (A Coruña)
Barbanza: 7 de maio (Ribeira)
Ferrolterra: 7 de maio (Ferrol)
A Mariña: 8 de maio (Foz)
Salnés: 8 de maio (Vilagarcía)
Lugo: 9 de maio (Lugo)
Compostela: 12 de maio (Compostela)
Pontevedra: 13 de maio (Pontevedra)
Vigo: 14 de maio (Vigo)
Baixo Miño: 15 de maio (Salceda de Caselas)
Ribeira Sacra: 15 de maio (Monforte de Lemos)
Monterrei: 16 de maio (Verín)
Ourense: 16 de maio (Ourense)


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: