Por un delito continuado de apropiación indebida da herdanza dunha anciá incapacitada, ingresada nun centro que o relixioso xestiona.
Moure mantén unha estreita relación con altos cargos do PPdeG
O director da Fundación San Rosendo, o sacerdote Benigno Moure, foi condenado a cinco anos de cárcere por un delito continuado de apropiación indebida da herdanza dunha anciá incapacitada -María Vázquez Covela- que estaba ingresada nun dos centros xeriátricos desta entidade.
Ademais, fica inhabilitado durante tres anos para presidir, xestionar ou representar institucións de carácter asistencial. O fallo da Audiencia Provincial de Ourense condena tamén o sacerdote a devolver 573.673 euros, máis os intereses legais, ao denunciante e sobriño da anciá, César Vázquez Romero. A Fundación San Rosendo deberá responder de forma subsidiaria.
Auditoría externa
Pola contra, absolven a Moure dos delitos de falsificación de documentos público e mercantil, así como dos delitos de estafa. Neste senso, o sobriño da anciá e único herdeiro, César Vázquez Romero, cualificou de "ridícula" a sentenza.
"Este señor non pode exercer nunca máis porque casos como o da miña tía poderíanse volver repetir", advertiu, e reclamou que o Parlamento impulse unha auditoría externa das contas da fundación xa que "nestes anos medrou de xeito desorbitado".
A sentenza, que pode ser recorrida, estima probado que o sacerdote se aproveitou da "deterioración progresiva e irreversíbel da capacidade intelectiva" de María Vázquez Covela, "coa intención de transferir ilicitamente á Fundación San Rosendo" os cartos das súas contas e o obtido tras a venda de varias propiedades da anciá e do seu marido, que xa finara.
Catro hoteis e tres balnearios
A Fundación San Rosendo constituíuse en 1992 con funcións de asistencia social. Actualmente conta con 54 centros, 48 de atención xeriátrica. Porén, a rede San Rosendo tamén se estendeu a outros sectores como o hostaleiro, a través do Grupo Caldaria, e conta con catro hoteis e tres balnearios.