Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O temporal zoupará tamén durante a noite

Flota amarrada, bateas soltas e ventos de até 150 km/h

En Redondela, o que os veciños definiron como "un pequeno tornado", levantou máis da metade do teito dun instituto.

Redacción - 17:30 18/04/2008

O temporal de vento con refachos de até 150 quilómetros por hora provocou que durante a madrugada do xoves para o venres xa se soltasen varios barcos en Burela e Noia e mesmo bateas en Vigo. Debido ao prognóstico meteorolóxico, a flota de baixura galega decidiu deixar as embarcacións en porto. "Hoxe non hai ningún valente", afirmaban este venres membros da lonxa de Baiona, onde advertían dun mar "excesivamente picado". No litoral norte, a situación é similar. Embarcacións de Cariño que saíran a primeira hora deron a volta axiña e neste momento toda a flota de baixura queda no norte.

O temporal causou cortes de tráfico en varias estradas debido á caída de árbores, e problemas coa subministración eléctrica e telefónica, entre outros. Pontevedra resultou a provincia máis afectada por sucesos do tipo de caída de obxectos nas estradas, tales como pancartas e sinais. En total, foron 47 os puntos afectados. Na Coruña houbo 35 incidentes e en Ourense e Lugo, 9 e 5 sucesos respectivamente. O temporal tamén provocou na provincia de Lugo que catro peregrinos permanecesen atrapados en Triacastela a causa da neve no Alto de San Roque, aínda que xa foron liberados. Por este mesmo motivo, varias rutas escolares víronse afectadas e impediron a 80 nenos asistir hoxe a clase.

Outra consecuencia do temporal foi o "levantamento" do tellado dun instituto en Redondela (Pontevedra) a causa da forza dun "pequeno tornado" e que obrigou a suspender as clases. Este mini-tornado é o segundo que rexistrou Galiza nas últimas 48 horas, tras o que tivo lugar no municipio coruñés d'A Pobra do Caramiñal e que deixou cuantiosos danos no cámping desta localidade.

O prognóstico para as próximas horas elaborado por Meteogalicia considera que "o máis importante xa quedou atrás", pero advirte que o temporal volverá experimentar "un repunte" durante a noite do venres cara ao sábado. A choiva non deixará o país até o luns.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: