Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CENTENARIO DO SEU PASAMENTO

A homenaxe a Curros pasará por 35 concellos

As actividades arrincan o 25 de abril na Coruña coa inauguración da exposición 'Curros Enríquez. Nación, liberdade e progreso'.

Redacción - 17:15 18/04/2008
Curros Enríquez

Curros Enríquez

Curros Enríquez. Nación, liberdade e progreso é unha mostra exterior, que estará na Coruña, na zona do Obelisco, entre o 25 de abril e o 11 de maio. A exposición fai un percorrido pola significación literaria, social e política do escritor a través de oito paineis con información escrita e gráfica e proxeccións audiovisuais. A mostra trasladarase a Ourense do 15 ao 27 de maio e pasará por outras seis localidades

A Coruña, cidade na que Curros está soterrado, será o centro das homenaxes, e tamén abrirá un ciclo de conferencias, Curros no seu tempo, que xirará por varias cidades. Francisco Rodríguez falará sobre A vixencia da obra de Curros, Laura Mariño e Diego Pardo sobre Curros Enríquez e a Igrexa do seu tempo, Manuel Rei Romeu presentará o tema Curros fronte ao poder establecido, Pilar García Negro tratará A defensa da lingua galega en Curros Enríquez, e Elisardo Varela falará de Curros en Cuba.

Música, recitais poéticos e teatro
Os actos que conmemorarán este Ano Curros, declarado pola Real Academia Galega, inclúen tamén música, recitais poéticos e teatro, que como todas as actividades tamén viaxarán por un gran número de concellos. O compositor Paulino Pereiro presentará o 18 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña un concerto con catro composicións para cuarteto de corda creadas para conmemorar o Centenario, tres delas estreas absolutas.

Mentres, o 15 de maio estrearase en Ourense o espectáculo poético-musical creado sobre textos de Curros. Co título Na fronte unha estrela, o espectáculo estrúturase arredor de poemas e cantigas líricas baseadas nos seus textos. As pezas serán interpretadas pola mezzosoprano María José Ladra e o barítono e recitador Antón de Santiago, autor tamén do guión do espectáculo.

Finalmente, o grupo de teatro amador Achádego estreará o 1 de xuño na Coruña unha adaptación de O divino sainete realizada por Marica Campo.

Actividades en 35 concellos
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presentou este programa o venres 18 acompañada dos concelleiros e concelleiras responsábeis da área de Cultura en Vigo, Xesús López Carrera; A Coruña, María Xosé Bravo; Ourense, Isabel Pérez; e Santiago, Néstor Rego, catro dos 35 concellos nos que se levarán a cabo actividades relacionadas co Ano Curros.


4,67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: