O Infarmed comeza a recoller peticións dos estabelecementos que se desexen acoller á nova modalidade de distribución.
Dende este mércores é legal a venda de medicamentos a través da internet en Portugal. A autoridade nacional do medicamento (Infarmed) comezou a aceptar os rexistros das farmacias e parafarmacias interesadas no novo método de venda.
O novo réxime xurídico ábrelle a porta á posibilidade de entregar fármacos, tanto os que precisan receita como os que non, a domicilio e vendelos a través da rede, ademais de que os estabelecementos poidan cobrar unha taxa adicional pola prestación do servizo. A norma dita que as encomendas se poidan facer por teléfono, fax ou por correo electrónico.
A medida presentárase xa o ano pasado, pero agora será posíbel pola posta en marcha do programa informático necesario. A entrega a domicilio, segundo a orde, terase que facer tamén baixo a supervisión dun farmacéutico. As boticas terán que dispoñer dunha web individual onde se indiquen os servizos prestados, as formas de pagamento e mais a área e o prazo de entrega.