Os medicamentos que agora mesmo calquera cidadán xa pode adquirir nunha botica sen necesidade de avalar a petición coa receita asinada por un médico, tamén poderán ser mercados a través de internet. Así o acordaron a maioría de grupos parlamentarios no debate que ten lugar estes días no Congreso arredor da próxima Lei do Medicamento. Así e todo o borrador introduciría a necesidade de ir recoller a menciña á propia farmacia para asegurar a "asesoría" do boticario. Asociacións de consumidores denunciaron máis dunha vez que é moi perigoso e demasiado doado mercar menciñas a través da rede. Por outro lado, hai consenso entre todos os partidos na necesidade de potenciar a produción e o consumo dos xenéricos, menciñas máis baratas ao non estaren protexidas por patente.