Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Carta Europea de Linguas Minoritarias

As vodas en galego fanse cun tradutor

A Mesa reclama medidas para garantir a igualdade do galego co castelán no ámbito da xustiza.

Redacción - 13:40 14/04/2008

A Mesa Pola Normalización Lingüística fixo pública a súa reclamación de que se cumpran os acordos acadados na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, aprobada en 2001 no Congreso dos Deputados, pola que se garante o dereito a usar o galego no ámbito xudicial. Segundo os datos do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, o informe enviado polo Estado explicando as medidas adoptadas para cumprir coa carta, non se corresponden coa realidade.

"Se na xustiza non se vela polos dereitos lingüísticos dos cidadáns, facemos que un dos piares do estado de dereito quede en desigualdade", indicou a profesora de Dereito de USC, Alba Nogueira. A tamén integrante do Observatorio de Dereitos Lingüísticos explicou que actualmente apenas se emiten sentencias en galego, debido á inexistencia de formularios no noso idioma, "habería que traducilos, o que suporía o dobre de traballo". Por outra parte, tampouco hai traducións de leis ou decretos ao galego, o que fai máis difícil a creación dun marco lexislativo.

O cidadán tamén atopa problemas á hora de solicitar o uso do galego nos procesos xudiciais, na maioría dos casos pola ralentización que isto supón, xa que os xuíces reclaman tradutores ou intérpretes para levaren a cabo o seu traballo. "En Ferrol casaron unha parella cun tradutor, aínda que non entendo que un xuíz non estea preparado para ler un artigo do
Código Civil aos contratantes", sinala Alba Nogueira.

Tan só o 8 por cento
Segundo os datos recollidos polo Observatorio de Dereitos Lingüísticos, tan só o 8 por cento das sentencias de Galiza se ditan en galego. O informe enviado polo Estado español ao Consello de Europa contén, segundo indica o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, "datos que non se corresponden coa realidade" con porcentaxes moito máis elevadas ás reais.

Ante esta situación, a Mesa reclama que se regule normativamente que os xuíces e fiscais destinados en Galiza coñezan o idioma, e o xustifiquen a través de realización de probas selectivas, tras un tempo de adaptación. Así mesmo, tamén solicitan un sistema de tradución para o Boletín Oficial do Estado, a creación dunha base de datos lexislativa en galego, e a tradución e difusión nos órganos xurisdicionais do Código Penal, o Estatuto dos Traballadores, a Lei de Xurisdición contencioso-administrativa e outros textos legais de uso frecuente.


4,82/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



As parellas que queren celebrar as vodas en galego atopan moitos atrancos
As parellas que queren celebrar as vodas en galego atopan moitos atrancos
Carlos Callón e Alba Nogueira durante a presentación do informe
Carlos Callón e Alba Nogueira durante a presentación do informe
Outro dos problemas é a inexistencia de formularios en galego.Flickr: =nv1962=
Outro dos problemas é a inexistencia de formularios en galego.Flickr: =nv1962=