A oferta pública de emprego incluirá máis de 1.700 prazas laborais e 680 de funcionarios.
A Dirección Xeral de Función Pública e os sindicatos CIG, UXT e CCOO acordaron o xoves poñer en marcha un plan de consolidación de emprego na Administración pública. En dous anos poderanse ofertar, cando menos, 1.754 prazas de persoal laboral e 682 de funcionarios.
O comunicado da Consellaría de Presidencia eleva o número de prazas a case 3.000, que se van incluír na Oferta Pública de Emprego, pactada coas tres forzas sindicais, e que ten como obxectivo reducir a temporalidade e favorecer a promoción interna tanto do persoal funcionario como do laboral.
O sindicato CSI-CSIF decidiu non asinar o acordo, que xa denunciara perante os tribunais. O xuízo, que xa tivo lugar a comezos de mes, está pendente de sentenza, o que podería alterar substancialmente o texto.