A Once e o Parque das Illas Atlánticas repartirán información adaptada para facilitar o acceso aos cegos que visiten as Ons e as Cíes.
As persoas con deficiencias visuais poderán acceder con maior facilidade ás Cíes e ás Ons grazas ao material informativo adaptado que acaban de editar a ONCE e o Parque das Illas Atlánticas. Trátase duns folletos e guías escritos en Braille, e de mapas realizados con relevo, dos que xa se editaron 30 exemplares. A iniciativa tamén contempla a organización de cursos para formar ao persoal do Parque e acadar unha mellor atención aos visitantes discapacitados.
Os mapas, as guías e os folletos repartiranse nos puntos habituais de información turística, e conteñen información sobre actividades de sendeirismo, recomendacións nas visitas, horarios, normas relacionadas coa navegación e o fondeo e datos referentes aos ecosistemas insulares. Para completar a información, tamén se editarán guías en formato mp3 e mp4 para ser escoitadas e vistas no ordenador.
O Parque emprendeu ademais obras de mellora nas illas para facilitar o acceso ás persoas en cadeira de rodas e para promover rotas e camiños accesíbeis para os discapacitados. As Ons contarán cunha mellor conexión entre o peirao e o faro, e tamén un mellor acceso á praia, mentres que nas Cíes tamén se levarán a cabo melloras nos peiraos e novos camiños.