A iniciativa, presentada polo BNG, contempla que as emisións das televisións e radios galegas tamén se poidan ver en Portugal.
O Parlamento aprobou esta cuarta feira reclamar que se facilite a emisión das televisións e das radios portuguesas en Galiza e que se lle traslade ao goberno portugués o interese en que as cadeas do noso país se reciban no veciño.
A través dunha iniciativa do BNG, emendada por PSdeG e PPdeG e da que finalmente saíu un texto conxunto, exíxeselle á Xunta que se dirixa ao goberno español para que, "no prazo temporal máis inmediato posíbel", se lle dea cumprimento a estas peticións, recollidas na Carta Europea de Linguas Minoritarias, subscrita polos estados español e portugués.
Medios técnicos
No entanto, na resolución non se especifican os medios técnicos para facer efectivo o acordo e alúdese á utilización das "posibilidades técnicas precisas". Na súa redacción inicial, o BNG facía mención expresa á concesión dun novo múltiplex para a emisión en formato dixital.
Pola súa banda, o popular Diego Calvo lamentou que non se tivese en conta outra das súas peticións: a de garantir a participación de operadoras galegas nun posíbel concurso da nova frecuencia que permitirá estas emisións en formato dixital. Tampouco se incorporou a alusión do PPdeG a que as emisoras españolas tamén se reciban en Portugal.