Sospeitan que os supermercados Lidl están a espiar os seus traballadores, impedindo incluso que se chamen polo nome durante o tempo de lecer.
Xa sucedera en Alemaña, e agora as sospeitas achéganse a Galiza. Segundo datos recollidos pola CIG, a cadea de supermercados Lidl podería estar espiando os seus traballadores para despois elaborar informes sobre o seu comportamento. Os empregados desta cadea teñen ademais grandes restricións á hora de traballar, xa que nin durante os descansos poderían chamar aos seus compañeiros polo nome.
As restricións impostas por esta empresa chegan incluso aos aspectos máis privados da vida dos traballadores. A vixilancia constante de corredores e vestiarios, incluso durante os descansos, ou a prohibición de que os empregados con relacións familiares, de parella ou amizade traballen xuntos, supoñen unhas condicións laborais que máis semellan as de un cuartel que as de un lugar de traballo.
Nestes supermercados, segundo indica a CIG, tamén se levan a cabo outras prácticas habituais entre as que se atopan a total submisión por parte dos traballadores aos encargados, a ruptura de calquera lazo de solidariedade entre traballadores ou o encargo a empresas foráneas de informes baseados nas conversas que manteñan cos empregados.