Os propietarios terían que hipotecar outro ben até acadar o valor da diferenza, ou incrementar o importe mensual de pagamento para evitar a execución da hipoteca.
Flickr: b.costa
Continúan as consecuencias da crise inmobiliaria, e neste caso nótanse de novo nas hipotecas. De se aprobar o borrador do Real Decreto na que se desenvolven aspectos da Lei 2/1981, de regulación do mercado hipotecario, que actualmente está en fase de alegacións, os bancos e caixas poderían embargarlle o inmoble ao propietario dun piso que eles mesmos sobrevaloraran á hora da taxa, a pesar de que tivese pagadas todas as cotas.
Segundo indica o vicepresidente de ADICAE Galiza, Agenor Gómez, no caso de que o valor de taxación da vivenda sexa un 20 por cento inferior ao valor que tiña cando se constituíu a hipoteca, os bancos e caixas poden pedir medidas adicionais, a través da hipoteca de outros bens ou do incremento do pago mensual, medidas difíciles de afrontar para unha familia media, que non pode ofrecer ningún outro ben para cubrir a diferenza.
Con esta medida, o risco das actividades empresarias recae directamente nos consumidores, mentres que os bancos e caixas deciden con liberdade absoluta cando e a quen se lle pode executar unha hipoteca, aínda que se producise o pagamento de todas as cotas. A Lei de Reforma do Mercado Hipotecario, aprobada o pasado mes de decembro, deixa o control dos conflitos de intereses na taxación, en mans da autorregulación, polo que as taxadoras elaboran o seu propio regulamento de infraccións.
Posíbeis solucións
A Lei de Sobreendeudamiento de las Familias é a proposta que ADICAE reclama para rematar co problema do endebedamento familiar. Esta medida, que xa está a funcionar en Francia, permitiría aos núcleos familiares conservar os seus inmobles aínda que non poidan afrontar os pagamentos durante un período de tempo.