Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
RAZÓNS 'ESTÉTICAS' E DE 'UBICACIÓN'

A Coruña retirará tres das 'peceiras' de María Pita

O Concello iniciou o proceso hai dous meses, instando aos propietarios a realizar cambios nas instalacións, indicacións que foron ignoradas.

Redacción - 10:31 06/04/2008

O Concello da Coruña procederá nas próximas semanas a retirar tres das terrazas actualmente instaladas na praza de María Pita porque "o seu mantemento e conservación non se axustan ás necesarias e acordes condicións estéticas e de utilización". A medida será realizada de forma subsidiaria polo Concello porque os responsábeis da xestión das terrazas non asumiron os requirimentos efectuados desde o negociado municipal de Policía, no seu departamento de Ocupación de Vía Pública, nos que se lles trasladaba a necesidade de acometer as debidas melloras nas condicións, tanto estéticas como de utilización, destas infraestruturas, segundo avanzaron desde o Concello.

Este proceso iniciouse hai xa dous meses, concluíndo os prazos fixados desde a Administración sen obter resposta por parte dos afectados. En consecuencia, dende o Concello iniciouse xa o proceso administrativo para a retirada das tres terrazas, que, así, será acometida nas próximas semanas por parte do consistorio, que posteriormente trasladará aos responsábeis o custo derivado das actuacións.

A retirada das terrazas obedece a un "compromiso" adquirido no seu momento desde o Concello para mellorar a estética urbana dunha das principais prazas da cidade e que, en consecuencia, conta cunha maior utilización por parte dos coruñeses e de todas aquelas persoas que visitan a cidade.

A medida enmárcase dentro do plan de embelecemento posto en marcha desde o Concello e que incide na recuperación e renovación dos espazos públicos urbanos e que afecta tanto ao mobiliario como a distintos elementos da vía pública.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: