Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CORTEXO DE HONRA

Curros regresa á Coruña

O Concello lembra o centenario do enterro do poeta cun cortexo que percorrerá a cidade a partir das cinco e media da tarde.

Redacción - 10:34 05/04/2008

O 'Cortexo de Honra' partirá do cemiterio de San Amaro, onde está soterrado Curros Enríquez e chegará até o monumento construído por Asorey nos Xardíns de Méndez Núñez para homenaxear o poeta. O cortexo, que será conducido por María Xosé Bravo, concelleira de Cultura e o bibliotecario e arquiveiro da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, realizará varias paradas en diferentes puntos do percorrido.

Entre elas, as escolas Curros Enríquez, lugar no que realizará o seu discurso o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; na RAG, onde o seu presidente Xosé Manuel Barreiro renderalle unha homenaxe; e o concello da Coruña, coas palabras do presidente da Deputación coruñesa, Salvador Fernández Moreda.

María Xosé Bravo lembrou que hai cen anos o cortexo fúnebre de Curros Enriquez reuniu a "milleiros de persoas" nas rúas da cidade "cunha capacidade de convocatoria só equiparábel á de reis e caudillos". O percorrido quere ser "unha metáfora esperanzadora da morte á vida", e por iso a comitiva partirá do cemiterio de San Amaro, cunhas palabras do presidente da Asociación da Prensa da Coruña, Manuel González Menéndez; para terminar no monumento construído na súa honra.

Na homenaxe terán un lugar protagonista as corais, como Follas Novas, Cantigas da Terra, O Eco, e Toxos e Flores, que actuarán nos distintos puntos do percorrido que contará coa presenza da conselleira de Cultura, Anxela Bugallo; e o alcalde da Coruña, Javier Losada.


4,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: