A Xunta rexeita que desde Madrid se xestionen as liñas de transporte eléctrico máis importantes de ámbito exclusivamente galego.
"Xa é hora de que os galegos e galegas sexan conscientes e interioricen o feito de que somos produtores netos de enerxía e isto temos que aproveitalo en beneficio de Galiza", explicou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, nun almorzo informativo en Radio Líder este mércores. Quintana inseriu o paso dado pola Xunta neste contexto, salientando que un país "con capacidade enerxética e con capacidade de xeración de enerxía" debe "comezar a sacar proveito disto".
E nese contexto que o vicepresidente avanzou que un dos temas que chega consensuado á xuntanza do Consello da Xunta deste xoves é a interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra a lei estatal do sector eléctrico. Quintana considera que a modificación realizada o ano pasado sobre o texto anterior, con data de 1997, "non é respectuosa co esquema constitucional e estatutario de distribución de competencias en materia de enerxía eléctrica, ao desprazar cara o Estado a competencia para a autorización de todas as instalacións de transporte primario".
Así, ese marco lexislativo dálle ao Estado competencia para a autorización de todas as instalacións de transporte primario, de xeito que só mantén o criterio da territorialidade para o transporte secundario e a distribución, excluíndo as liñas de transporte primario. Estabelécese desa maneira o nivel de tensión como criterio de reparto de competencias. Porén, desde o Goberno consideran que as liñas de transporte eléctrico primario que non vaian máis aló de Galiza, deberán ser competencia da Xunta, e por iso levarán a rifa co goberno español até o Tribunal Constitucional.