Os deputados nacionalistas reiteran que é fundamental un maior ritmo inversor, os avances no autogoberno e a reforma do voto emigrante.
Os dous deputados do Bloque no Congreso non teñen aínda decidido se van apoiar a investidura de Rodríguez Zapatero como presidente do goberno español. Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila mantiveron este mércores unha xuntanza co secretario de organización do PSOE, Xosé Blanco, e co deputado Ramón Jáuregui. Ao remate da mesma, Jorquera subliñou que a formación frontista aínda non saben cal será o sentido do voto. Os nacionalistas afirman que apoiarán a Zapatero sempre e cando haxa “xestos” cara as propostas do Bloque, de non habelos, optarán pola abstención.
Os deputados nacionalistas volveron a debuxar as liñas mestras que demandan para Galiza nesta lexislatura. Para Jorquera é fundamental que o executivo socialista desbloquee totalmente competencias como a de Tráfico. En canto aos investimentos, os nacionalistas consideran que é preciso aumentar os mesmos en infraestruturas, á vez que se apoia os sectores produtivos. Isto concretaríase na revitalización dos asteleiros de Fene e nun maior apoio ao sector leitero galego en Bruxelas.
Tal e como se anunciara, o voto emigrante é outra das bazas cruciais nas negociacións. O Bloque considera que o sistema actual non cumpre as mínimas garantías democráticas. Entre outras esixencias, demandan que os emigrantes depositen en urnas os seus votos.