Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CRMH lembra

"É importante que a xente saiba que Juan Canalejo non era médico, era un asasino"

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, insiste en que o nome do hospital coruñés debera ser mudado.

A. Rodríguez - 09:00 02/04/2008
Juan Canalejo, baixo o símbolo da Falanxe

Juan Canalejo, baixo o símbolo da Falanxe

Ante unha recente comparecencia da conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio Vidal, na que dicía que non tiña coñecemento de ningunha solicitude para lle mudar o nome ao hospital Juan Canalejo da Coruña, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) organizou unha notificación pública.

Hai tempo que están a se mover para que se cumpra a Lei da Memoria Histórica e mude, entre outras cousas, o nome do hospital coruñés; por isto van entregar esta cuarta feira, ás 10:30 horas no rexistro da Xunta na Coruña a súa petición, que está, segundo lembran "amplamente apoiada a nivel social, como demostra o escrito que asinaron diversos colectivos da Coruña".

A CRMH recorda, de novo que, ao contrario do que moita xente cre, Juan Canalejo non foi un coñecido médico cardiólogo, senón que foi o fundador da Falanxe na Coruña, un pistoleiro que mesmo chegou a ser "xefe territorial" dunha das organizacións fascistas que participaron no golpe que deu comezo a unha longa ditadura.

Mudar o nome e perder o prestixio?
Esta é a principal razón que se dá para deixarlle o nome que ten ao complexo hospitalario coruñés mais, segundo lle contou a Vieiros Rubén Afonso Lobato, responsábel de comunicación da CRMH, "tamén outros importantes hospitais mudaron o seu nome, e non perderon prestixio nin a nivel estatal nin a nivel internacional", e citou as cidades sanitarias Francisco Franco de Madrid e Barcelona que mudaron os seus nomes polos de Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón e Hospital Universitario Vall D'hebrón respectivamente, mantendo a súa posición.

Lobato mesmo salientou que a "Avenida del Generalísimo de Madrid tamén se chama agora Paseo de la Castellana, nel viven 20 mil persoas... e non pasou nada".

"Nós imos entregar esta notificación para que quede ben patente que procuramos que este hospital leve un nome máis civilizado, e non o nome dun asasino. Hai tempo que traballamos nisto e tentamos lembrarlle aos políticos que dende o 26 de decembro de 2007 está en vigor a Lei da Memoria Histórica, non como pensa o alcalde da Coruña, o señor Losada, que anda dicindo que 'cando se poña en funcionamento esta Lei han mudar as cousas', e algo polo estilo lle escoitamos tamén a Méndez Romeu".

Anos tentando mudar un nome
A primeira iniciativa para mudarlle o nome ao hospital coruñés desenvolveuse hai vinte anos, baixo o mandato socialista de Felipe González, cando aínda non existía o Sergas (a Sanidade en Galiza dependía do goberno español). Naquela altura o Ministerio de Sanidade mandara cambiar os nomes dos complexos hospitalarios relacionados co franquismo. Eran os responsábeis dos centros os que debían debater se mudar ou non as propias designacións. Daquela o Hermanos Pedrosa de Lugo (tamén dous falanxistas) pasou a se chamar Xeral Calde; e o Almirante Vierna de Vigo (nome dun dos protagonistas do levantamento fascista, comandante do cruceiro Baleares) denomínase dende entón Xeral Cíes.

Mais no Juan Canalejo a proposta de debate non se desenvolveu, e as cousas quedaron como están.

A pesares da entrada en vigor da Lei da Memoria Histórica, dende Sanidade seguen a dicir que van agardar a que as cousas vaian avanzando (segundo publica esta terza feira o xornal El País na súa edición para Galiza, poderían esperar a que se redacte o catálogo de "vestixios da Guerra Civil e da Ditadura" que han de facer conxuntamente goberno español e Autonomías, pero que só se refire, porén, ás "mencións de estrito recordo privado, sen exaltación dos enfrontados ou cando concorran razóns artísticas, arquitectónicas ou artístico-relixiosas protexidas pola lei", e non aos complexos públicos como é o caso).

Sexa por razóns de querer preservar o nome, porque se considera que con el prevalece o prestixio, sexa polo que for, van aló catro meses e o Juan Canalejo segue a levar o nome dun "asasino, un señor que andaba con pistola e que matou xente", conclúe Lobato.


4,78/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: