Os menos favorecidos do país norteamericano -o máis rico do mundo- son os que sofren con maior dureza a crise financeira.
Estadísticas do programa entre 2000 e 2004
Nos anos sesenta, o goberno de Estados Unidos estabeleceu indefinidamente o Food Stamp Program (Programa de Cartillas de Racionamento), unha medida introducida ocasionalmente por anteriores administracións dende a década dos anos trinta, durante a coñecida como Grande Depresión tras a crise económica de 1929, para darlles asistencia alimentaria ás persoas máis desfavorecidos.
Arredor de 500.000 dos máis 130 millóns de habitantes de EUA, o 2,6%, víronse beneficiados da axuda en 1939. Case setenta anos despois, perto de 30 millóns de estadounidenses dependen das cartillas de racionamento para poder comer, o que supón máis do 10% da poboación.
O Congressional Budget Office (un departamento económico do Congreso similar ao Consello de Contas de Galiza) estima que cando dea comezo o ano fiscal, en outubro de 2008, a cifra de demandantes do programa chegará á súa cota máis alta en toda a historia, nun momento en que a economía estadounidense está a piques de deixar de medrar.
Aumento dos prezos e do paro
O incremento respecto a 2007 é de arredor de 1,5 millóns de persoas, segundo os datos do Congressional Budget Office. As principais causas desta crise humanitaria son a crecente execución das hipotecas, o incremento do paro (as estimacións falan de 50.000 empregos menos en marzo), o súbito aumento dos prezos e a restrición de créditos bancarios.
Ademais, o Ministerio de Agricultura, encargado de executar o Food Stamp Program, informou de que o custe de alimentar unha familia acollida a este programa incrementouse un 6% en doce meses.