Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
O empurre da LNB chegou a Lugo

Lembrando os palanadores represaliados en 1915 e dándolle duro á billarda

As murallas non puideron resistir a gran invasión billardeira nin a forza de David, flamante gañador deste Aberto da capital. A fin de semana que vén toca en Mos.

Redacción - 09:00 01/04/2008
Cartel do I Aberto de Mos

Cartel do I Aberto de Mos

A pasada fin de semana as hordas billardeiras chegaron a Lugo arramplando con todo e invadindo a explanada do Pazo de Congresos e Feiras, onde se desenvolveu o Aberto de Billarda Cidade de Lugo.

Coa estrea dunha nova franquicia, a luguesa do Madia Leva (pertencente ao centro social homónimo. Podes ver aquí o vídeo da súa presentación), e o triunfo indiscutíbel de David, da Conferencia NorLeste (que xa tiña gañado o lacón no torneo do mesmo nome, desenvolvido en Cervo, na Mariña), o torneo deu máis un paso para se consolidar como o grande Aberto do Norte.

Unha pequena crónica

Armados con paláns e billarda os locais do Madia Leva adoecían por estrearse na pista, fronte ás grandes estrelas deste deporte: os galácticos da Mariña, que se sumaron aos de Serxio e compañía, procedentes da tribo xaruta de Ordes, da Conferencia NorOeste, para facer deste aberto un encontro multitudinario (tamén había xente dos Taravelas e dos Electrónicos polo medio).

Nas series clasificatorias xa destacaron varios membros das tres conferencias presentes: NorLeste, A NorOeste e a tan desexada e Conferencia do Medio. Ao final a máis veterana meteu a tres dos seus na final; a Ismael, o Zidane da Billarda; a David, do Sporting Petapouco; e a Mónica, das Fenecas Bravas. Os tres habían decidir para quen ía a Copa do Aberto Cidade de Lugo.

Pero, cando un está en racha pouco se pode facer, e David volveu ser o implacábel palanador que decide, tal como fixo en Cervo, no Aberto do Lacón.

Lembrando os mártires da billarda
É o 1915, é Lugo: un garda municipal detén dous mozos que xogaban á billarda en San Roque, cousa que, naquela altura, estaba prohibida nas rúas da cidade.

A noticia aparecía na prensa o 17 de abril de 1915, e o pasado sábado, case cen anos despois, de ser prendidos os dous rapaces, os palanadores e palanadoras galegas gardaron un momento para os lembrar. O feito constata, segundo a asociación O Varal, o "tratamento vexatorio que o noso deporte historicamente recibiu, sendo os palanadores perseguidos, aldraxados e mesmo encadeados por cometer o único delito de xogar á billarda".

O domingo tamén houbo billarda, e haina a fin de semana que vén, co I Aberto de Mos
Todo isto pasou o sábado, pero o domingo os da Conferencia NorLeste repetiron, desta volta na pista de Santalla de Vilausende, onde se desenvolveu o sétimo asalto da súa liga regular. A clasificación mantense, aínda que se foron recurtando as diferenzas dos puntos

E para o sábado que vén tamén hai festa billardeira, desta volta co I Aberto de Mos, exame oficial para a Conferencia Sur, onde xa anunciaron a súa presenza históricos dos Palanganas de Vigo, con Aitor á fronte.

A información toda, coma sempre, podédela atopar na web d'O Varal, os organizadores de toda esta loucura que é a Liga Nacional de Billarda.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: