O norte mesmo da Mariña acolleu a xa internacional serpe multicolor da LNB, cun pavillón a rebentar e cun barullo atronador. Velaquí a crónica d'O Varal.
Cervo acolleu cos brazos abertos a cada vez maior e internacional Liga Nacional de Billarda, no xa mítico Torneo Aberto do Lacón, que tomou, desta volta, segundo nos contan dende O Varal, "un cariz case épico, sobre todo polo xeito no que se decidiu o triunfador do salgado alimento": David.
Foi el quen, chegado de Celeiro de Mariñaos (Barreiros), e cunha camisola na que se podía ler unha explosiva declaración de principios, "A Maradona divide", arrasou literalmente, primeiro ante o explosivo e novo All Star, Xosiño, e despois contra Moisés, da Conferencia Sur (que se estreaba na Auténtica). A súper final foi entre David e Hugo e, despois dun empate de varados, foi David quen ficou coa pata de atrás do porco.
O bautismo mariñao da Conferencia Sur da LNB
A Conferencia Sur estreouse este domingo con forza na Auténtica. Esta edición do Torneo do Lacón tiña trazos históricos para a LNB, porque chegaban do sur Moisés e Rubén, encabezando a poderosa expedición de catro pincheiros (á billarda chámaselle pincha por algunhas zonas da comarca de Vigo) que combateron contra os xa expertos palanadores da Mariña de Lugo.
"A LNB continúa deixando semente de vitoria aló por onde pasa!"
Como contan dende O Varal, mentres no Parlamento de Pristina, unilateralmente, se declaraba a independencia da provincia de Cosova, na Coruña arrincaba o cuarto asalto da LNB, Conferencia NorOeste, onde os Electrónicos, como se conta n'O Varal Morse (LNB en tempo real) seguen pisándolle os calcaños aos líderes, Os Xarutos. A clasificación comprímese, pero os 5 varados de diferencia meten presión de cara ao All Star.