Son Ángela Iglesias Rebollar, Rosario Hernández Diéguez, Carmen Miguel Agra, Margarita Bilbatúa Zubeldia, Urania Mella Serrano e Mercedes Núñez Targa.
Un total de seis rúas han levar os nomes de seis mulleres viguesas represaliadas durante a ditadura franquista, tras saír adiante, cos votos de PSdeG e BNG e a abstención do PPdeG, esta proposta no pleno da segunda feira.
Co acordo dos partidos no goberno municipal, unha rúa do barrio de Teis vai levar o nome de Ángela Iglesias Rebollar; as travesías primeira e segunda da Travesía de Vigo van pasar a se chamar Rosario Hernández Diéguez e Carmen Miguel Agra, respectivamente. Ademais, no barrio de Barreiro dúas rúas han levar os nomes de Margarita Bilbatúa Zubeldia e Urania Mella Serrano; e no barrio de Pardaíña-Rocío háselle dedicar unha rúa a Mercedes Núñez Targa.
Un "acto de xustiza" cara estas mulleres
Durante a sesión, o concelleiro de Cultura, Xesús López (BNG), lembrou, ao pedir o apoio a esta iniciativa, que só o 3 por cento das rúas da cidade teñen nomes de muller, e considerou que isto supón que até o de agora non se tiña "valorado a aportación das mulleres", así como a das homenaxeadas, que "loitaron pola defensa da democracia" e fixeron unha contribución "á liberdade e igualdade social e de xénero".
Para López os novos nomes das rúas son un "acto de xustiza" cara estas mulleres e, por extensión, cara todas aquelas "que traballaron para que chegara a luz na Longa noite de pedra".