Verdegaia, a coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificacióna e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, poñen conxuntamente en marcha por segundo ano consecutivo un Programa de préstamo de bicicletas dirixido aos membros da comunidade universitaria tanto no campus de Lugo coma no de Santiago.
O programa de préstamo de bicicletas servirá de exemplo para demostrar a viabilidade da bicicleta coma modo de transporte permitindo que 300 persoas da comunidade universitaria, tanto estudiantes como persoal de administración e servicios como persoal docente e investigador teñan acceso a unha bicicleta durante os meses que dure a campaña. Igualmente, servirá para estudar as particularidades do seu uso no entorno de ambas cidades e para propoñer cambios que faciliten a súa implantación
O número de solicitudes foi de 421 entre os campus de Santiago e Lugo das que 387 corresponden a peticións de estudantes, 20 a Persoal Docente e Investigador e 14 a Persoal de Administración e Servicios. As persoas que foron seleccionadas terán unha bici durante 3 meses. A cada ciclousuario entregaráselle, ademais da bicicleta, un cadeado e un chaleco reflectinte. Tamén recibirán un folleto informativo, deseñado por Verdegaia, onde aparecen recollidas recomendación básicas sobre seguridade vial á hora de desprazarse coa bicicleta polas cidades. Os seleccionados poderán participar en diferentes actividades formativas organizadas por o Plan de Desenvolvemento Sostible en colaboración con Verdegaia e relacionadas coa boa condución e arranxo das bicicletas. Tamén se difundirán entre os participantes os roteiros en bicicleta que organiza a Área de Deportes da USC.
No momento da entrega, os seleccionados deberán cumprimentar unha breve enquisa inicial onde se lles preguntará sobre os seus hábitos de mobilidade e que xunto coa que se cubrirá ao final do Programa permitirá avaliar a satisfacción dos usuarios, detectar cambios nos seus hábitos de mobilidade, rexistrar problemas atopados no uso das bicicletas... As enquisas realizadas durante a campaña de préstamo do ano 2007 indicaban que o programa de préstamo contribuiu a cambiar os hábitos dos participantes entre os que o emprego da bicicleta diariamente ou case diariamente aumentou considerablemente. En Santiago pasou dun 32,5% a un 63,9% e en Lugo dun 16,8% a un 36,9% á vez que se rexistraban datos de disminución do uso do coche.