A empresa galega incrementou un 25 por cento as súas ganancias en 2007 con respecto ao ano anterior e prepara unha nova liña de accesorios e calzado.
Un total de 1.250 millóns de euros foi o resultado de beneficios obtido por Inditex durante o exercicio fiscal 2007-2008, o que supón un incremento do 25 por cento respecto ao ano anterior. A empresa téxtil incrementou o número de vendas nun 15 por cento, que se traduce en máis de 9.400 euros, resultantes, entre outros factores, da "boa evolución" das vendas nas tendas comparábeis e a apertura de novas superficies comerciais (560).
A estratexia principal do grupo baséase na expansión, dirixida tanto á consolidación da presencia comercial nos mercados europeos, así como ao crecemento en áreas de zonas de gran potencial como o leste de Europa e Rusia e a rexión de Asia-Pacífico. Durante 2007 o número de aperturas chegou a 560, o que supón que a día de hoxe existen case 3.700 establecementos de Inditex en 68 países. Este crecemento tradúcese nun incremento das vendas nas tendas internacionais, que medraron até o 62,5 por cento fronte ao 60,4 por cento do ano anterior.
En canto aos traballadores, a empresa pechou o exercicio con case 80.000 empregados, trala creación de 10.277 novos postos de traballos, que requiriron o investimento de 942 millóns de euros en 2007, unha cifra maior á de 2006, situada en 887 millóns.
Novas aperturas para 2008
A tendencia do primeiro semestre deste ano, sinala que o crecemento de Inditex vai seguir á alza. As vendas nas tendas a tipo de cambio constante medraron un 17 por cento entre o 11 de febreiro e o 23 de marzo de 2008 e está prevista a creación de novas superficies comerciais, sobre todo a nivel internacional, coa apertura a novos mercados como Corea, Ucraína, Exipto e Montenegro.
Entre as novidades, o grupo está a preparar o lanzamento dunha nova tenda, especializada en accesorios, calzado e complementos de moda baixo o nome de Uterqüe, da que se prevé a apertura de entre 20 e 30 tendas durante o exercicio 2008.