Pacto sen aclarar aínda ás portas da constitución das Cortes, o próximo 1 de abril.
Falaba o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, de non "sacar peito", pero facíao na práctica o líder dos socialistas galegos, aproveitando ademais a presencia este sábado en Galiza e no Comité Nacional do PSdeG do secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco.
Así, subliñou Pérez Touriño o que na súa opinión é un "ascenso radical" dos socialistas en Galiza. "É bo que se saiba que os socialistas conseguiron en Galiza os mellores resultados electorais da historia da democracia", dixo, recordando ademais que, con 17 puntos porcentuais, o PSOE medrou en Galiza "o dobre da media do resto de comunidades". Touriño viña coas contas feitas e precisou que o ascenso do PSOE en Galiza desde 2000 supera en catro puntos o do PSC en Cataluña, en once puntos aos socialistas vascos e en oito puntos aos andaluces. "É bo que se saiba, non para sacar peito ou para facer un exercicio de autobombo, senón de transparencia e humildade para que se coñezan en que puntos nos atopamos", xustificouse.
Segundo o líder dos socialistas galegos, a tendencia "non é unha choiva fina" senón "un xiro electoral sen precedentes". Touriño tamén comentou que a diferencia de apenas cinco puntos entre PSOE e BNG en Galiza pasase a ser neste treito de "trinta puntos porcentuais" e definiu a evolución do PPdeG no mesmo período como "un declive profundo, rápido e intenso".
Quintana ve o BNG no bo camiño para ser "forza hexemónica"
No momento en que moitos partidos están "cuestionando o seu pasado e o seu presente", o BNG está nun momento de "xestión do seu futuro co convencemento de obter un bo resultado electoral en beneficio de Galiza". Así reflexionaba este sábado na xuntanza do Consello Nacional do BNG, o líder da formación, Anxo Quintana.
Quintana opinou que o Bloque está en condicións de "ir a por todas" na próxima cita coas urnas en Galiza e que na inercia do "discurso diferenciado" e da introdución "social e institucional" conseguida nos últimos tempos, o BNG estaría en condicións de pelexar por ser "a forza hexemónica" da política do país.
Por outro lado, o coordinador da executiva do BNG e deputado electo pola Coruña, Francisco Jorquera, aproveitou a intervención para recordarlle ao PSOE as esixencias dos nacionalistas para garantir o voto favorábel do Bloque na investidura como presidente do goberno español de José Luís Rodríguez Zapatero.
Lembrou Jorquera que eses requirimentos pasan por tres prioridades: aumento de autogoberno, consolidación do ritmo de investimentos e reforma electoral para garantir a limpeza do voto do Censo de Residentes Ausentes. "De momento, só obtivemos boas palabras do PSOE", advertiu Jorquera, "esperamos feitos", subliñou. Con todo, o novo deputado nacionalista no Congreso, avisou de que os representantes do BNG, el mesmo e a deputada electa por Pontevedra Olaia Fernández Davila, votarán a favor ou en branco "a non ser que vexa hostilidade ou agresividade con respecto a Galiza".