Unha firma de traballo temporal elabora un estudo que tamén analiza que motivación move a xente para se iniciar no mundo laboral.
Unha enquisa realizada pola ETT Alta Gestión entre máis de mil dos seus traballadores en todo o Estado salienta que a metade das persoas conseguen o seu primeiro emprego a través de contactos: un familiar (28%) ou un amigo (22%). Outro 41% acadou a súa primeira experiencia laboral mediante ofertas de emprego publicadas nalgún medio ou acudindo a oficinas de emprego, mentres que o 9% restante asegurou ter atopado traballo grazas a un centro educativo ou cunha autocandidatura.
O mesmo estudo analiza cal foi a motivación que levou os empregados a buscar o seu primeiro traballo. A porcentaxe máis alta, o 36%, afirma que pretendía conseguir diñeiro para os seus gastos, mentres que un 21% quería acadar experiencia para mellores empregos no futuro, e o outro 24% fíxoo por necesidade económica da súa unidade familiar. Outras razóns como independizarse ou efectuar prácticas relacionadas cos seus estudos quedaron nun segundo plano.
Porén, a medida que avanza a idade do primeiro emprego, cambian as motivacións para entrar no mercado laboral: a partir dos 22 anos, acadar experiencia convértese no principal factor. Ademais, o informe amosa que o 40% das persoas preguntadas asegura que no momento do seu emprego tiña estudos de Bacharelato, o 38% estudos secundarios e o 14% xa rematara a carreira. O nivel de estudos é máis alto no caso das mulleres enquisadas.