Afirmou que a proposta do vicepresidente do Goberno "abre o camiño á integración".
Touriño, esta quinta feira tras o Consello de Goberno
O xefe do Executivo, Emilio Pérez Touriño, considerou esta quinta feira que a proposta do vicepresidente, Anxo Quintana, para integrar mediante "poboados de transición" os colectivos xitanos chabolistas "abre o camiño á integración".
Ao finalizar o Consello de Goberno desta semana, Touriño salientou que o informe presentado por de Quintana é unha aposta "pola mellora da convivencia". No entanto, advertiu da "dificultade e complexidade" da problemática. En Galiza hai aproximadamente 10.000 persoas de etnia xitana, un 30% en situación de chabolismo. A media estatal é do 20%.
A Xunta traballa "coa prudencia e sensibilidade imprescindíbel" para tratar este tipo de situacións, afirmou, e apelou á "sensibilidade, moderación e mesura" e a afastarse "da instrumentalización e da axitación". Ademais, anunciou que o Goberno servirá de mediador, "sen invadir competencias dos concellos", nos casos de conflitos.
Respaldo da Asociación Pobo Xitano
Por outra banda, o presidente da Asociación do Pobo Xitano, Sinaí Giménez, tamén dixo estar de acordo coa proposta da Vicepresidencia. "Non se pode levar a estas familias a un hotel, se non os levan a pisos porque non queren os veciños haberá que buscar vivendas provisionais de madeira que axuden a liberar a tensión social", afirmou, e engadiu que "non vai supoñer a creación dun novo gueto, porque este xa existe".