Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XXV Semana Galega de Filosofía

"Filosofía e utopía", peneira de 25 anos de estímulo ao "pensamento crítico"

'Pensar a utopía', 'Galiza: realidade e utopía' e 'Campos de utopía'. Eixos da cita co debate que reúne unha vez máis a destacadas figuras intelectuais.

Redacción - 09:00 24/03/2008

Na altura deste aniversario, sinalan desde o foro pontevedrés organizador que se trata dunha cita que naceu coa intención de tomar a iniciativa a nivel formativo e intentar levar ás aulas "propostas innovadoras e rivas na transmisión do coñecemento". Salientan tamén a necesidade de "pensar problemas do presente" a través do exercicio da filosofía "crítica e transformadora" e tamén, e moi especialmente, a vontade de normalizar o uso do galego e potenciar o coñecemento que a realidade científica e intelectual produce en Galiza.

Nesta traxectoria de vinte e cinco anos estiveron á fronte do proxecto Ramón Regueira, Domingos L. García, Carme Adán, Fernando Pérez e agora Xulio Leal. Segundo os organizadores deste ano, son os nomes que representaron a un equipo de membros con orixes profesionais variadas, pero "cun afán claro de manter os obxectivos iniciais, a idea de favorecer as condicións para facer crítica da sociedade actual e impulsar propostas e accións cara un mundo máis rico e respectuoso na análise da súa complexidade".

Por outra parte, sinalan que a idea de darlle protagonismo nesta edición á "utopía", débese ao seu carácter de concepto filosófico rico en argumentos e contraargumentos "que debe ser considerado non como unha evasión da realidade senón como unha necesidade de pensar, dicir e expresar a vontade de facer reais outras posibilidades, outras formas de explicar, de resolver os conflitos, de concibir a naturaza, de superar as dicotomías bo/malo, todo/nada, comigo/contra min, verdadeiro/falso".

Primeira xornada: utopía, urbanismo e ecoloxía
"A construción da utopía, o urbanismo e a ecoloxía" serán obxeto de debate e reflexión na primeira xornada da XXV Semana Galega de Filosofía. Despois da apertura institucional, a cargo do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, abrirá o acto Xulio Leal, presidente-coordinador da Aula Castelao, entidade organizadora da Semana. O catedrático de Metafísica da Universidade de Salamanca, Mariano Álvarez, abrirá a primeira sesión do ciclo das mañás, Pensar a utopía, coa disertación “Filosofía e construción da utopía”. Álvarez é especialista no pensamento de Nicolás de Cusa e Hegel e investigador no eido da metafísica.

Pola tarde, a primeira conferencia virá a cargo do arquitecto José Ricardo Beltrán, “Utopía e paisaxe: criptourbanismo”. O ponente é un estudoso da cidade contemporánea que participou na redacción de varios planos urbanísticos en diversos concellos galegos. No remate desta primeira sesión, intervirá o experto en ecoloxía e poeta Jorge Riechmann, “Para unha teoría da racionalidade ecolóxica”. Profesor de filosofía moral na Universidade de Barcelona, Riechmann centra as súas investigacións e publicacións ensaísticas nas interseccións entre filosofía, sociedade, ecoloxía e política. Tamén é tradutor de literatura francesa e alemá.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: