A raíz do acontecido en varios concellos de Galicia, e da reacción visceral de colectivos veciñais, reaccións por veces espontáneas, outras veces inducidas, contra a posibilidade de que familias xitanas poidan acceder a vivendas en “barrios normais”, diversos colectivos de defensa de deritos humanos, colexios profesionais, ONGs, etc...prepararon este manifesto. Trátase de que nos medios tamén apareza outra voz. Aída que os medios se resistan.
O pasado día 5 de febreiro de 2008, produciuse o realoxamento de 3 familias xitanas do Vao, no municipio Pontevedrés de Poio, e trasladáronse a vivir a Monteporreiro, en Pontevedra. Estas familias foron desaloxadas dos seus fogares por unha orde xudicial, por un expediente de infracción urbanística. Os seus novos domicilios foron adquiridos polo concello de Poio, a través dun convenio coa Consellería de Vivenda, para a erradicación do chabolismo.
Familias rexeitadas
Ao notificarse o realoxamento das familias, os veciños de Monteporreiro anunciaron mobilizacións. O motivo que alegaron para tales actuacións non foi a condición xitana das familias, senón que procedían dun poboado chabolista e que en devandito poboado vendíanse drogas.
Esta situación de rexeitamento das familias do Vao vén reproducíndose desde que durante o pasado mes de outubro se mobilizaran as familias do lugar de Vilarchán, en Ponte Caldelas para evitar que unha familia comprase vivenda nese municipio. Con posterioridade o rexeitamento fíxose presente en forma de manifestacións, asembleas veciñais e outras mobilizacións en diferentes parroquias dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio. Cando se levou a termo o derrubo das vivendas infractoras que ficaban en pé no Vao as familias afectadas foran aloxadas de forma transitoria nun cámping na parroquia de Portonovo, no Concello de Sanxenxo; a presión veciñal levou ao propietario do mesmo a expulsar ás familias a pouco de seren realoxadas.
Aposta social e política
A situación resultante debe considerarse grave, toda vez que Galicia é primeira Comunidade Autónoma no conxunto do Estado con maior taxa de poboación xitana vivindo en asentamentos segregados, na súa maioría en barracas ou infravivendas. Para acabar coa exclusión social asociada con esa segregación espacial cómpre facer unha aposta política polo fin do chabolismo e pola creación de espazos de convivencia intercultural en todos os barrios das nosas vilas e cidades, sen descartar tampouco as parroquias rurais.
Os discursos que mesturan o rexeitamento das drogas e o afastamento das persoas que as venden nunhas condicións de completa exclusión social, culpan dun fenómeno complexo ao derradeiro eslabon, o máis feble, dunha cadea de produción, o tráfico e distribución da droga. En vez de sentir vergoña pola existencia deses guetos, e propoñer a súa desaparición, hai persoas e colectivos sociais que propoñen o seu reforzamento. Mesmo hai responsables políticos que dan pulo a eses discursos.
Non hai terceira vía
Como organizacións sociais cunha responsabilidade importante na creación de espazos de convivencia cívica e de inclusión social, queremos reclamar un consenso social e político arredor do obxectivo de eliminar os barrios segregados nos que xermolan as actividades ilícitas, para procurar espazos de convivencia. Esa eliminación dos espazos segregados supón un esforzo por parte do conxunto da cidadanía, por parte das Administracións Públicas e por parte das entidades sociais. Pero ten como horizonte unha sociedade máis cohesionada, menos conflitiva e máis pacífica.
Entendemos que resulta imprescindible rematar cos tópicos que vinculan ás minorías étnicas co deterioro dos espazos da vivenda e da convivencia, así como da delincuencia e a marxinalidade. Pero rematar con esa ecuación perversa significa dotar ao conxunto dos barrios e parroquias do noso País dunha permeabilidade social que ata agora parece estar faltando.
Por suposto que, nos casos extremos, será necesaria a actuación dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, e en todos eles, a presenza de mediadores/as interculturais e de educadores/as sociais que poidan garantir a convivencia e o desenvolvemento dos hábitos para a tenencia e uso da vivenda en condicións de cidadanía plena, con dereitos, pero tamén con obrigas e responsabilidades.
Pero para que os mediadores e os educadores poidan traballar, para diminuír o nivel de conflitividade social e para incrementar a cohesión e o benestar do conxunto da sociedade, cómpre desactivar estes conflitos e denuncialos como orixe de incidentes racistas e, o que é máis grave a medio prazo, como xermolo dunha sociedade da segregación e da exclusión social, que atenta contra a nosa memoria como pobo emigrante e contra o noso futuro de benestar e de convivencia.
Asinan: Fundación Secretariado xitano de Galicia, Asociación do Pobo xitano de Galicia, Federación Galega de Asociacións xitanas, Asociación de Promoción e Integración xitana de Lugo, Asociación Centro TRAMA Galicia, Foro Galego de Inmigración, Seminario Galego de Educación para a Paz, Plataforma polo Emprego, Fundación Cultura de Paz, Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, Colexio oficial de diplomados en Traballo social de Galicia, Colexio Oficial de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia, Cáritas Interparroquial de Santiago, Coordenadora de Crentes Galegos e Galegas, Asociación Casa Latinoamericana en Galicia, Asociación IRIMIA, Encrucillada, Somos Igrexa Galicia, Asociación Gondwana, Médicos do Mundo, Mulleres Cristiás Galegas, CUT, Esquerda Unida, Consello de Relacións Veciñais de Santiago , Coordinadora do Barrio de Vite, Centro de Desenvolvemento de Ancares, Vangarda Obreira, Amarante, Amani Galiza, Asociación Puente Cultural Rumano-Gallego e Asociación de Empregadas de Fogar Xiara, entre otras entidades.