Os centros estarán coordinados co Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza.
O Goberno aprobou este xoves un convenio de colaboración entre a Consellaría de Innovación e Industria e as tres universidades do país para financiar a posta en marcha e mantemento de cadansúa oficina de software libre. Ademais, estabelecerase un marco de coordinación co Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún. A consellaría achegará 240.000 euros.
O convenio prevé crear e consolidar as oficinas de software libre nas tres universidades. Contarán cun coordinador a tempo completo, cun equipo de apoio e cun espazo web informativo. Ademais, cada oficina terá que presentar nun prazo de dous meses un plan anual de actuación e deseñar novas iniciativas de desenvolvemento do software libre no eido da súa universidade
Crearase, ademais, unha comisión de coordinación técnica das actividades das tres oficinas, que terán que engadir contidos á web de mancomun.org e colaborar na difusión das actividades e información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.