Denuncian que resolvera o asunto só coa opinión do alcalde e da policía: "Os alí presentes sabemos que non é certo".
"Estamos estupefactos coa simpleza coa que o Valedor do Pobo despacha un tema tan importante para esta cidade como é impedir que a cidadanía participe dos asuntos públicos e exerza os seus dereitos democráticos", reflexionan desde a Federación Veciñal Eduardo Chao, FAVEC. "De nada serve unha figura que tan só recaba información, sen comprobar se é verídica ou non", láianse.
O Valedor do Pobo decidiu arquivar o caso, malia que tan só recabara a opinión do propio alcalde, Abel Caballero, e solicitara un informe da policía local. Desde a FAVEC, e á vista do novo informe, recordan que até o de agora existirían "tres informes policiais distintos" entre os que se detectan numerosas contradicións. E ao respecto insisten os veciños en que "ningún recolle a realidade tal como foi". "Preguntámonos se realmente merece esta cidade unha policía que non teña a suficiente autonomía como plasmar nos seus informes a realidade como sucedeu en lugar de estar sometida ás ordes dos mandos de quenda", din desde a asociación.
Sen argumentos para pechar o expediente
O escaso esforzo para investigar a limitación ao dereito de acceso aos veciños naquel polémico pleno municipal é tamén criticado polo Movemento polos Dereitos Civís. Así, mentres por un lado o Valedor respondíalle ao MpDC dando por boa a xustificación do rexedor vigués sobre o acontecido, por outra, trasladáballe aos medios que a investigación se arquiva por haber un proceso xudicial en curso e indicando que "neses casos non se debe actuar".
Para o MpDC, "o Valedor do Pobo buscaba avalar a actuación ilegal do señor Abel Caballero na contestación oficial aos denunciantes, e logo buscou xustificarse cunha contestación oficiosa perante os medios".