Dos "cheques, polbo e empanada" en tempos de Fraga á estratexia real de "internacionalización da cultura galega".
Pode España e non Galiza? "O que lles doe é que Galiza estea á altura ou mesmo superior", defendeu a conselleira de Cultura, pedindo igual "respecto" para o sector cultural do país que o que tivo a delegación española que en 2001participou no mesmo evento, a Feira Internacional do Libro da Habana, estando o PP liderado por José María Aznar á fronte do goberno español.
Na súa intervención, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, argumentou que os anteriores gobernos "non estabeleceron ningún tipo de acción nin obxectivo" en materia de promoción exterior da cultura do país. Bugallo contrapuxo a esa situación a estratexia desenvolvida polo seu departamento nos dous últimos anos nos que, na súa opinión, apostouse pola "internacionalización das distintas manifestacións culturais". De xeito específico, a conselleira considerou que a participación de Galiza como "cultura invitada" na Feira do Libro da Habana marca "un antes e un despois" na proxección internacional do país.
"Non temos medo a saír polo mundo e estamos orgullosos da cultura xerada en Galiza e da potencialidade das industrias culturais", explicou Ánxela Bugallo, avanzando que a estratexia de internacionalización continuará e subliñando o apoio do sector, explicitado nos últimos días a través de artigos en prensa e comunicacións oficiais como a asinada conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación Galega de profesionais da Ilustración (AGPI) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix).
Na súa quenda de intervencións, os voceiros de PSdeG e BNG, Francisco Cerviño e Xosé Ramón Paz Antón, defenderon que o Goberno fixe fondos para a promoción cultural no exterior, fronte á política do PP, que na época de Manuel Fraga levou a Cuba "quilos de polbo e empanada".
Pola súa banda, o voceiro do PPdeG, Ignacio López Chaves, pediu "facturas, contratos e expedientes", teimando en cualificar de "desbalde" o gasto na viaxe e acusando á consellaría de levar á Habana a "afiliados e cargos" do BNG. Ademais, López Chaves opinou que a embaixada cultural galega debera ter incluído a promoción de autores como Camilo José Cela, Gonzalo Torrente Ballester, Ramón Valle-Inclán ou Marta Rivera de la Cruz.